A cita está organizada pola Escola de Música de Chapela e desenvolverase o vindeiro sábado 22 de abril no pavillón Manuel González Soto a partir das 21.00 horas. O fin de festa correrá a cargo dos Storrentos co seu rock de taberna a partir da medianoite. Para que non falten forzas, haberá postos de comida que ofrecerán chourizos, petiscos caseiros e bebida.
A Escola de Música de Chapela organiza esta fin de semana o seu primeiro serán de música tradicional. Un total de 17 agrupacións de música tradicional participarán da cita que terá como fin de festa a partir das 00.00 horas a o grupo Os Storrentos, unha banda de rock de taberna, que ven de confirmar a súa participación no Freixo Rock e que destaca polas súas peculiares versións coa mente posta na festa reinterpretando desde clásicos ata éxitos do metal industrial.
Antes deles, a partir das 21.30 horas, actuarán grupos de música e baile así como charangas. Teñen confirmada a súa participación os grupos de pandereteiras Semente Nova, A Miñoca, Anaquiños, As Cacharelas e Arrancaxestas; os grupos de gaitas Os Xuvenís, Tirapuxa (Trasmañó), Anaquiños, Meirrande, Froles Mareliñas e Terra Meiga (O Viso); así como o Grupo de Canto Ifevi, a Asociación O Rocío, o grupo de baile galego Anaquiños, O Equipo B Charanga Tradicional e o grupo de música de Coro Tradicional de Cidadelle.
A directora da Escola de Música de Chapela, Begoña Rial, destacou que o obxectivo é “facer unha festa que ata agora nunca fixeramos para poñer en valor a riqueza do noso patrimonio musical e ofrecer un convite de celebración á xente. O que buscamos é dar a coñecer os grupos tradicionais da escola, retomar as actuacións despois do parón da pandemia e socializar con outras agrupacións”.