Un matrimonio que fixo da ensinanza a súa vida e que chegaron a Cesantes para dar clases na Escola Unitaria mixta de Outeiro das Penas. Foron quen de instruír a varias xeracións malia non contar moitas veces coas condicións máis axeitadas para impartir clase “con aulas sen material e cursos de máis de cen alumnos”. Carmen Barreiro xubilaríase tras exercer como docente no colexio de Cesantes durante 25 anos (1944 a 1969). A homenaxe foi organizada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy en colaboración co Concello.
A primeira en aterrar en Redondela foi Carmen Barreiro quen comezaría a impartir docencia nesta escola unitaria no ano 1944 logo de exercer esta profesión en Cepeda, en Pazos de Borbén. Lugar onde coñecer a Óscar Rey quen traballaba como garda forestal. Tamén el acabaría sendo mestre en Cesantes na década dos 50 logo de impartir clases de xeito interino en dous colexios de Vigo.
Durante os anos que o matrimonio exerceu o maxisterio en Cesastes, segundo explican dende o Obradoiro, residiron na propia parroquia preto da escola que estaba ubicada na antiga sede da desaparecida Sociedade de Agricultores e que actualmente ocupa o Centro Cultural. Alí, durante anos e nunhas condicións moi precarias “moitas veces faltaba o material máis básico e tiñan que facerse cargo de dar clase en moitas ocasión a cursos de máis de cen alumnos, alimentaron as mentes de tantos nenos e nenas de Cesantes”.
Un acto que tiña lugar este domingo e no que tamén se recoñeceu a Carmen Barreiro como “Muller conquistadora” ´titulo co que dende o Concello buscan salientar a mulleres destacadas das diferentes parroquias, propostas polos propios colectivos parroquiais, co obxecto de dar visibilidade a súa vida entre a veciñanza.