Cinco partidos disputaranse as eleccións en Redondela o vindeiro 28 de maio unha vez que xa están publicadas pola Xunta electoral as formacións que se presentarán a estes comicios municipais. Ademais dos partidos que xa están presentes na corporación, PP, PSOE, AER e BNG, concorrerá tamén a nova formación Unidad de Centro (UDEC). Non estarán presentes dúas candidaturas que si se presentaran hai catro anos: Unidas Podemos e Ciudadanos.
Os e as votantes de Redondela poderán elixir entre cinco papeletas á hora de acudir ás urnas o 28M. Así, ademais da papeleta dos populares encabezada por Javier Bas, do PSdeG de Digna Rivas, a da Agrupación de Electores que lidera Roberto Villar ou a do BNG coa candidatura que encabeza Xoán Carlos González, preséntase tamén Manuel Álvarez Rodríguez de Unidad de Centro (UDEC), unha nova formación que concorrerá aos comicios en Redondela por vez primeira co obxectivo de acadar tamén algún representante na corporación local.
Non terán papeleta dúas formacións que si se presentaron hai catro anos, Unidas Podemos e Ciudadanos, que naquela ocasión non acadaran representación ao non lograr o 5% dos votos, que é a porcentaxe mínima necesaria para lograr representación. Unidas Podemos con 728 quedara moi próximo a ese límite cun 4,51 % mentres que Cs obtivera un 3,26% (526 votos).
Soutomaior
Menos opcións terán os veciños de Soutomaior que tan só poderán elixir entre tres candidaturas: a do PP liderada novamente por Agustín Reguera que leva xa 28 anos na alcaldía, a do BNG na que repite o nacionalista Manu Lourenzo e a papeleta do PSOE encabezada por Silvia Cernadas.