O Servizo de Normalización Lingüística organiza esta fin de semana dúas proxeccións de cine en galego que se poderán ver no Multiúsos. O venres ás 20:00 horas con entrada de balde poderemos ver o título “O corpo aberto”. O sábado, tamén ás 20:00 horas e cunha entrada a 3,50 euros, proxectarase a aclamada Matria.
Enmarcada no ciclo de cinema galego que organiza o Concello de Redondela chega ao Multiúsos un dos filme que mellor crítica recibiu nos últimos meses, O corpo aberto, unha película de Ángeles Huerta baseada nun conto do libro “Arraianos” de Xosé Luis Méndez Ferrín.
O argumento de “O corpo aberto” sitúanos en 1909, ano no que Miguel, un profesor é destinado a unha pequena vila de montaña na frontera entre España e Portugal: Lobosandaus. Malia ser un home de razón non pode controlar os seus desexos e conforme se achega o inverno sente como a escuridade apodérase de todo ao seu arredor ao tempo que crece a súa fascinación por Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a extraña morte dun veciño vai levar a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e dos mortos.
O sábado chegará ao Multiúsos “Matria” de Álvaro Gago Díaz e con protagonismo indiscutible para María Vázquez pero tamén con presenza dun actor tan próximo a nós como é Tatán. Os problemas laborais e persoais de Ramona, unha muller de corenta anos que vive na costa galega é o fío condutor desta película que se está a proxectar tamén nas salas comerciais e que chega esta fin de semana a Redondela.