O festival Sinsal activa este venres 5 de maio, ás 12:00 horas, a venda de abonos para a súa nova edición, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023 na Illa de San Simón. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto a estilo e orixe das máis de 20 bandas e artistas que participan na súa programación secreta.
Bandas e solistas de África, Asia, América e Europa presentan por primeira vez en Galicia ou en España as súas creacións. Durante o desenvolvemento do festival, os asistentes poderán coñecer de primeira man o patrimonio natural, histórico e cultural do arquipélago a través de diferentes actividades divulgativas gratuítas que se desenvolven en diferentes horarios ao longo do día, como paseos con axentes sociais de proximidade, charlas ou talleres para público infantil.
Ademais, Sinsalaudio organizará actividades musicais específicas, entre elas, unha exposición da Escola Sinsal vinculada ao rexistro sonoro, que este ano profundará na gravación magnética e nos diferentes soportes, un taller específico sobre a fixación da música nos soportes ou o rexistro de cancións da man de artistas asistentes ao festival.
Os prezos dos abonos variarán en función da idade de público, maior ou menor de 16 anos. Por unha banda, en caso das persoas adultas, os abonos de Vigo terán un prezo inicial de 155 euros, mentres que no caso de Meirande o prezo de partida será de 145 euros. Doutra banda, o prezo deste tipo de entradas para os menores de 16 anos será de 60 euros en Vigo e 50 en Meirande.
Entradas por día
A partir do luns 8 de maio, sairán á venda as entradas por día do festival. Aquelas persoas interesadas nesta modalidade de entradas, que inclúen o traslado á illa desde ambas as localizacións, poderán adquirilas a partir das 12:00 horas a través da plataforma Enterticket. Do mesmo xeito que no caso dos abonos, o prezo dos billetes variará en función da idade e a localización onde se tome o barco, ademais do tempo de estancia na illa.