As persoas con mobilidade reducida teñen moi complicado acceder a espazos públicos como o cemiterio
O candidato nacionalista, Manu Lourenzo critica a falta de accesibilidade dos espazos públicos así como as beirarrúas que complican o día a día das persoas con mobilidade reducida polo que entenden que é urxente avanzar nun proxecto integral para a eliminación de barreiras arquitectónicas “precisamos un Soutomaior ordenado, limpo e no que avancemos en accesibilidade para que mellore a vida de toda a veciñanza”
O BNG de Soutomaior reuniuse esta semana cun grupo de veciñas e veciños con mobilidade reducida para abordar os problemas de mobilidade e accesibilidade do Concello de Soutomaior. Na xuntanza que tivo lugar despois de que algúns destes veciños se puxesen en contacto co portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, estas persoas explicaron que levan anos denunciando estes problemas no Concello sen que ninguén se preocupe pola súa situación.
“Imos a cemiterio e atopamos a rampla de acceso que dá á folla da porta que está pechada permanentemente, non hai acceso en ningunha zona de baño do concello, e as beirarrúas de todo o concello son un despropósito, xa non é que non sexan accesibles, é que o nivel de abandono é tal que ata son perigosas para nós” son as queixas que lles trasladaron estes veciños.
Manu Lourenzo afirma que levan xa case 2 anos unha iniciativa para mellorar a mobilidade ao pleno municipal pero non se adoptou nin unha soa medida seria o que fai que estes veciños “se vexan na obriga de circular pola estrada nun concello que ten un tráfico caótico”.
Dende o BNG comprométense a lanzar dende a primeira xunta de goberno un proxecto integral para a mellora da accesibilidade en Soutomaior que elimine estes obstáculos. “Precisamos un novo Soutomaior pensado para as persoas, no que a mobilidade e accesibilidade sexan un dereito, e traballaremos para acadalo”.