A alcaldesa, Digna Rivas, asegura que o traballo está feito e que a aprobación inicial do Plan xeral será unha realidade este ano, en canto cheguen os informes preceptivos de todas as administración supramunicipais. Dende o PP acúsana de mentir nos prazos “hai dous anos afimaba que a aprobación do PXOM ía ter lugar nos primeiros meses de 2022 e agora pospón esa data ao 2023” e pedirán no pleno de hoxe (Multiusos 20:00 horas) que se reúna a Comisión de seguimento do Plan Xeral.
A aprobación inicial do Plan Xeral de ordenación Municipal será unha realidade en 2023. Así o asegura a alcaldesa quen afirma que se trata dunha “decisión responsable baseada no traballo realizado durante meses polo equipo técnico redactor do Plan e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas”.
Lembra que ao longo do 2021 realizáronse máis dunha quincena de reunións técnicas e políticas, nas que participaron os técnicos redactores do documento, técnicos e persoal de urbanismo, así como todos os grupos políticos membros da corporación co obxecto de redactar “un documento claramente participativo, transparente e consensuado”.
Neste sentido, a rexedora local entende que “no momento que o PXOM sexa lavado a pleno contará co apoio de todos os membros que participaron na súa elaboración. Aínda que o documento completo xa foi remitido a todos os organismos hai varios meses, seguimos esperando a que emitan os informes pertinentes, que nalgúns casos, como Costas, trátase de informes preceptivos e necesarios para a aprobación inicial”.
Adianta tamén que o Goberno xa conta dende hai meses coa proposta para realización das sesións informativas, 13 sesións iniciais, que se realizarán en todas as parroquias co fin de informar a veciñanza dos contidos do documento, así como da contratación de un visor web para o período de exposición pública.
“Acabamos a lexislatura co traballo feito e estamos convencidos de que o documento será aprobado polo pleno en poucos meses, un voto en contra de un documento traballado en consenso sería un acto de irresponsabilidade e de intereses puramente partidista”, conclúe Digna Rivas.
Críticas do PP
Os populares acusan á alcaldesa de “mentir no referente aos prazos e ocultar á veciñanza que non pode presentar a pleno a aprobación do PXOM e critican que non vaia sacalo adiante neste mandato cando “en novembro de 2021 afirmaba que a aprobación do plan xeral podería producirse nos primeiros meses do 2022”.
Asegura ademais o PP que na tramitación do documento urbanístico hai “múltiples requirimentos por parte doutras administración e a falta de autorizacións por parte dos organismos como demarcación de estradas, do Ministerio de Transportes e Mobilidade, ou de Costas do Estado ou o informe desfavorable emitido pola Dirección Xeral de Aviación Civil que ademais é vinculante” o que impediría a aprobación do mesmo.
Por estes motivos, o Partido Popular presentará no próximo Pleno, unha moción na que insta á aínda alcaldesa de Redondela e á súa concelleira de Urbanismo a que convoquen, de urxencia, a Comisión de Seguimento do Plan Xeral, “para que quede constancia por escrito da situación na que queda o propio documento e a súa tramitación”. Así mesmo, instaremos a Digna Rivas a que, de inmediato, se poña en contacto cos ministerios que teñen documentos pendentes de valoración, para que axilicen o proceso e emitan os informes pertinentes.