Tras 28 anos na alcaldía de Soutomaior, o candidato popular preséntase novamente cun equipo de traballo “forte e ilusionados para seguir traballando polos veciños”. Faino cunha candidatura que presenta varias caras nocas con respecto hai catro anos e do que Reguera destacou que é ”unha mestura perfecta de experiencia e mocidade, con membros de case todos os barrios do municipio”.
Agustín Reguera asegura que volve presentarse ás eleccións municipais “con ilusión e o orgullo de representar aos veciños” e cun programa “centrado nas persoas, que xorde das necesidades dos veciños, que é a quen nos debemos”.
O rexedor detallou varios dos grandes proxectos que “xa están en marcha e servirán para mellorar en gran medida a calidade de vida dos veciños. Melloras como o Novo Centro de Saúde, a depuradora de Arcade, a recuperación do colexio Oliveira para convertelo en viveiro de empresas, o parque-xardín de Soutomaior ou a ampliación do Centro Deportivo Municipal da Montesiña cun ximnasio e novas instalacións”.
Do mesmo xeito, o actual alcalde fixo un breve repaso do últimos catro anos de mandato destacando o gran traballo realizado na pandemia así como a xestión económica do Concello, “coa que alcanzamos a Débeda Cero e que nos permitiu conxelar todas as taxas municipais para que os nosos veciños non gasten o seu diñeiro en impostos”.