Cuni Orge, Roberto Villar e Daniel Boullosa de AER
Unha semana despois duns resultados electorais que non deron a maioría absoluta a ningún partido, o PSOE sentará hoxe na mesa de negociación cos representantes de AER. A Agrupación de Electores afirma que acoden a esta reunión “coa esperanza de que os socialistas acheguen unha oferta que desbloquee a situación de cara a formar un goberno alternativo ao PP”. Un acordo que, en todo caso, é complicado ante a insistencia de AER en pedir a cabeza de Digna Rivas e tras as declaracións de David Regades nas que afirmaba que “os candidatos socialistas non se cambian”.
A reunión está prevista para as 18:30 de hoxe logo de que ambas as dúas formacións mantiveran contactos previos a través do correo electrónico. Unha reunión na que non estará presente a alcaldesa en funcións Digna Rivas. Unha ausencia que se xustifica ante as peticións de AER quen manteñen unha única liña vermella de cara a forma un goberno de esquerdas: que Rivas non repita como alcaldesa.
Conscientes do difícil que será esta negociación, os tres representantes de AER, Cuni Orge, Roberto Villar e Daniel Boullosa acudirán a esta xuntanza “con poucas expectativas” ao tempo que “con esperanza de que haxa unha oferta imaxinativa que desbloquee a situación”. Insisten en que estes encontros non teñen por que ser estériles “habendo vontade por parte das dúas partes aínda hai marxe para o acordo”.
No partido socialista prefiren ser discretos en canto ás negociacións e optan por gardar silencio en torno a este encontro.