Máis dun centro de rapaces participarán do 3 ao 9 de xullo do San Simón Fiddle, no que nenos e mozos aprenderán tanto melodías galegas como as orixinarias do sur de Lousiana da man de mestres convidados. Previamente, do 30 de xuño ao 2 de xullo, terá lugar o festival de música de corda Encordass Fiddle Fest dirixido a público xeral para o que está aberta a inscrición.
A Illa de San Simón acollerá a partir do 30 de xuño a nova edición do San Simón Fiddle, o curso de verán infantil e xuvenil, de intercambio de músicas tradicionais de Galicia coa de outros lugares do mundo, que este ano se centra na música cajún, orixinaria do sur de Lousiana e que contará con 120 participantes. A iniciativa, que conta co apoio da Xunta e está organizada pola asociación Galicia Fiddle, incluirá tamén o encontro musical Encordass de música de corda aberto ao público con actividades paralelas.
O Director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou a capacidade deste certame por “impulsar o traballo dos novos talentos musicais mesturando a convivencia e o xogo, cun método de aprendizaxe que demostrou a súa eficacia nos 13 anos de vida deste curso”. Referiuse, ademais, á importancia da súa celebración na Illa de San Simón, un espazo recuperado pola Administración autonómica “que está cargado de historia e que se converteu nun espazo idóneo para experiencias culturais novidosas e de fomento da creatividade como estas”, indicou.
A actividade desenvolverase durante 10 días onde se poderá gozar de dous eventos: o Encordass Fiddle Fest, festival enfocado ao público adulto (do 30 de xuño ao 2 de xullo) e o San Simón Fiddle (do 3 ao 9 de xullo), o veterano curso infantil e xuvenil para instrumentistas de corda que este ano celebra a súa XIII edición e que se consolidou como un referente do ensino de música popular con instrumentos de corda mediante a transmisión oral para os mozos.
Como novidade este ano este curso de verán inicia un novo itinerario destinado a mozos maiores de 18 anos, que ademais das actividades habituais, poderán gozar de talleres especializados de música cajun, harmonía, improvisación, etc. O sábado 8 terá lugar o concerto final de curso, coa actuación de 120 músicos entre profesores e alumnos. O curso céntrase este ano na música cajún, un xénero singular cunha rica historia cultural e musical que mestura a herdanza nativa americana, afroamericana, española e inglesa contando co violín e o acordeón como instrumentos musicais principais.
Pola súa banda, celebrarase o Encordass Fiddle Fest, que é un evento destinado tanto a músicos profesionais e amateur como ao público xeral, que se celebrará ata o 2 de xullo. Durante esa fin de semana impartiranse aulas, obradoiros e realizaranse actividades relacionadas coa música de Lousiana, a cargo de prestixiosos mestres especialistas no xénero cajún e as súas tradicións. O colofón terá lugar o domingo 2 de xullo cunha xornada aberta ao público de concertos acústicos con artistas galegos e internacionais, ademais de actividades como unha cata de viños, un showcooking, talleres de danza etc. As súas entradas poden adquirirse ata o día 2 de xullo. Toda a información do festival está dispoñible na web de Galicia Fiddle.