Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A bisbarra de Redondela desbanca ao PP das súas alcaldías

investiduras colage

Fin de semana de investiduras e de cambios históricos nalgunhas das alcaldías da comarca. Manu Lourenzo é xa alcalde do primeiro goberno do BNG en Soutomaior logo de 28 anos de goberno popular baixo a man de Agustín Reguera. Tamén outro feudo tradicional do PP, Pazos de Borbén, con Andrés Iglesias como alcalde nos últimos 24 anos pasou a mans do cabeza de lista de Alterantiva Veciñal, Lucinano Otero. Por outra banda, o bastión socialista de Fornelos de Montes revalidou no cargo a Emiliano Lage, con maioría absoluta por cuarta vez consecutiva. Tampouco houbo cambios en Redondela onde a socialista Digna Rivas era reelixida alcaldesa.

Non houbo sorpresa e o apoio dos sete edís do PSOE, os tres do BNG e o concelleiro de AER, fronte aos dez votos obtidos polo candidato do PP Javier Bas, permitiron a Digna Rivas proclamarse alcaldesa de Redondela nunha sesión plenaria celebrada no Multiúsos da Xunqueira na mañá de hoxe. Xa como alcaldesa, tomaba a palabra para agradecer o apoio dos grupos que lle deron o seu voto “grazas por ser quen de interpretar o que a cidadanía demandaba: un goberno de progreso”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Engadía que “Redondela é un proxecto colectivo, non é unha suma de siglas nin unha loita polo protagonismo persoal” e manifestaba o seu compromiso a garantir “a estabilidade deste goberno” e a ser a “alcaldesa de todas a todos, sendo consciente de que a cidadanía estanos observando e agarda máis acertos que erros”.

Falou tamén dos eixos que marcarán o seu goberno: igualdade, política sociais, defensa medio ambiente, cultura, o apoio a economía e emprego e a posta en valor do patrimonio e os recursos turísticos, en resumo “atender e coidar as persoas e traballar para construír a Redondela que queremos, recuperando o papel que merece como cuarto concello da provincia” e amosou a súa preocupación polos recortes nos servizos públicos: na atención sanitaria e educación así como a súa preocupación “polo rumbo que poida tomar a Deputación de Pontevedra” unha vez que xa non vai estar en mans de PSOE e BNG “sei que conto co apoio de toda a corporación para esixir que se manteñan os criterios obxectivos de reparto que se viñan respectando nos últimos 8 anos”.

Remataba a súas intervención Digna Rivas agradecendo o apoio dos concelleiros que a acompañaron nestes últimos anos, moitos dos cales xa non repetirán neste mandato, así como a súa filla e nai presentes no auditorio.

Previamente os concelleiros xuraron o seu cargo, no PP e no PSOE coa fórmula tradicional mentres que os concelleiros do BNG engadían a fórmula “por imperativo legal”

Javier Bas (PP), Digna Rivas (PSOE), Xoán Carlos González (BNG)

Máis controvertido foi o xuramento do edil de AER, cun longo poema que provocou os apupos do público que ateigaba o auditorio

Roberto Villar (AER)

A anécdota da xornada correu a cargo da presidenta da mesa de idade, encargada de presidir o pleno, quen cometía un erro no reconto de votos, concedéndolle ao PP un total de 11, o que lle daría a Bas a maioría. Erro que corrixía sobre a marcha entre os aplausos do público.

Manu Lourenzo alcalde de Soutomaior

Cambio histórico coa chegada a alcaldía de Lourenzo, que se converte no primeiro alcalde do BNG da historia de Soutomaior. “Non vos imos fallar, e imos dar o mellor de nós mesmos para devolvervos tanta ilusión e tanta esperanza como nos destes”, afirmou durnate a súa primeira intervención xa como alcalde. Tamén se dirixiu a aqueles veciños e veciñas que non votaron ao BNG: “nós vimos aquí para ser o goberno de todo Soutomaior, independentemente de como pense cada un, en min van atopar unha persoa que non lle vai ver nin o voto, nin as ideas, nin as discrepancias a ninguén”.

Neste sentido, Lourenzo subliñou que “nós dixemos sempre que traballamos por un Soutomaior novo. E eu sei, que o Soutomaior co que soñamos ten que ser un Soutomaior de todos e de todas. Ten que ser un Soutomaior plural, ten que ser un Soutomaior diverso, e sobre todo ten que ser un Soutomaior libre”. Durante a intervención, o alcalde de Soutomaior chamou a ser “un goberno que fuxa da cativez e do  curtopracismo, de pensar só a 4 anos vista. Debemos ir máis alá, pensar Soutomaior en grande, e ter sempre presente, que isto só vai valer a pena, se conseguimos construír entre todas o concello que merecen as nosas fillas e fillos”.

Luiconano Otero, alcalde de Pazos

Cambio histórico tamén en Pazos de Borbén tras 24 anos en mans do PP. “De agora en diante, ilusión, novas ideas e moito traballo” apuntan dende a Agrupación de Electores de Pazos, formación que gobernará en minoría con catro concelleiros pero que se fixo coa alcaldía tras lograr o apoio na investidura tanto do edil do BNG como do representante do PSOE, superando así os cinco concelleiros do popular Andrés Iglesias.

Emiliano Lage, alcalde por cuarta vez

Fornelos de Montes segue a ser un bastión socialista o que permitiu a Emiliano Lage facerse co bastón de mando por cuarta vez consecutiva. Conserva a maioría absoluta con 5 edís, malia que o PP logrou máis apoios nas últimas eleccións con tres representantes. Completa a corporación o edil do BNG. Entre os retos que se propón Lage de cara ao vindeiro mandato son aumentar o censo da localidade e facer realidade a residencia municipal de maiores para a cal o concello xa dispón de terreos e está a espera de lograr o financiamento necesario.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará