O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, solicitou a pasada semana unha reunión urxente co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Xunta para buscar solucións o antes posible á falta de médicos e persoal sanitario no centro de saúde de Arcade. Desde mediados de xullo o centro de saúde só conta cunha médica e unha enfermeira para atender a toda a veciñanza do concello, o que está a provocar numerosos problemas para todas as persoas que necesitan ser atendidas e que se ven obrigadas a desprazarse ás Urxencias de Pontevedra.
Lembra Lourenzo que “Soutomaior leva moitos anos a sufrir problemas pola falta de persoal médico no centro de saúde de Arcade, con ratios de atención a pacientes moi por enriba do que recomendan os organismos internacionais e con listas de agarda para pedir unha cita médica que teñen unha duración mínima de dúas semanas, cando non un mes. Eses problemas vense agravados durante o verán, cando o persoal médico colle vacacións e nin o Sergas nin a Xunta cobren as prazas para garantir cando menos que se manteña unha atención sanitaria mínima”.
Engade que a situación é igual de deficiente no servizo de pediatría “que continúa baixo mínimos, compartindo a pediatra con Vilaboa, tendo o noso concello dous días a semana e en xornada de tarde, algo que tamén se ve agravado durante os períodos de vacacións”.
“Solicitamos esta reunión urxente co Sergas e coa Xunta porque a veciñanza de Soutomaior non pode seguir acudindo ao centro de saúde e que se atope con que non hai médicos para atendela ou que ten que esperar dúas semanas para que lle dean cita. Agora é o momento de sentarse canto antes e procurar unha solución real. O que máis lle preocupa ao goberno de Soutomaior e que os veciños e veciñas poidan contar cunha atención médica digna e de calidade”, concluíu o alcalde.