A obra, promovida polo Concello ascende a 982.719,40 €, dos cales a Deputación de Pontevedra achega 737.039,55 €. Contempla a reurbanización da rúa As Cardosas, rúa Salgueiral e a súa continuación pola rúa Ernestina coa mellora das beirarrúas, a reorganización e incremento de espazos verdes así como a instalación dun escenario e unha fonte lúdica na zona sur. A actuación, enmarcada no programa PON2030, deberá estar rematada antes do 30 de abril de 2025.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López visitaba por primeira vez Redondela co obxecto de asinar un convenio de colaboración entre o organismo provincial e o concello para reformar unha zona que abarca a rúa das Cardosas e a rúa do Salgueiral, dende a N-550 ata a rotonda baixo o viaduto vello, e que busca mellorar e remodelar a zona co cambio das beirarrúas, aumentando a súa anchura e substituíndo o seu pavimento por lousas de granito así como modernizar o seu mobiliario e reorganizar os espazos aumentando a superficie verde. A actuación ascende a 982.719,40 €, dos cales o organismo provincial achega 737.039,55 €.
Unha obra que o presidente da Peputación cualificou de “un paso adiante para Redondela e un exemplo máis da cooperación leal que debe darse entre ambos organismos a favor da veciñanza e que serven para poner en marcha proxectos de relevancia”.
No mesmo sentido salientou a alcaldesa, Digna Rivas a importancia desta obra “cuxa licitación debería sair en breve e que suporá a revitalización dun espazo público deteriorado que é central na vida de Redondela”.
A actuación proxecta tamén un escenario e unha fonte lúdica na zona sur – no espazo que actualmente xe se emprega como escenario durante a celebración do Festival de títeres- co obxecto de potenciar o uso da zona por parte da veciñanza “na actualidade as zonas verdes atópanse infrautilizadas e inconexas e o espazo actual presenta un carácter residual e pouco seguro, polo que hai que equipar os espazos para poñelos nun estado de funcionamento óptimo”.
Incorporarase tamén máis arborado asociado ao espazos verdes así como outras especies ornamentais que contribúan a crear un espazo máis amable e agradable, deséñanse novos pasos peonís elevados para incrementar a seguridade dos peóns e cámbianse as luminarias urbanas existentes por unhas máis eficientes “mellorando a iluminación do lugar reducindo o custe da mesma”.
Luis López destacou que este tipo de actuacións están enmarcadas “no compromiso indiscutible da Deputación de Pontevedra co municipalismo, cun orzamento onde 1 de cada 3 euros irá a parar aos concellos concedéndolles a liberdade de executar os proxectos que consideren oportunos”.