O delegado do Goberno, Pedro Blanco afirmou na súa visita ás obras de reposición da AP-9, xunto co alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabeleiro, que o proxecto das tan demandadas pantallas acústicas xa pasou o trámite de información pública e que está agora á espera da aprobación definitiva por parte do Ministerio.
O motivo desta visita foi o de supervisar as obras de reposición de viarios afectados pola ampliación da AP-9 nesta parroquia. A alcaldesa agredeceu esta primeira visita oficia do delegado co motivo destas obras “tan agardadas e tan necesarias coas se salda unha débeda cos veciños de Chapela, para compensar o castigo sufrido polas obras de ampliación”. Estas obras “chegan tarde, pero chegan, e esa era a miña loita e a de todos os colectivos, asociacións e veciñanza de Chapela”, sinala Rivas.
Pola súa banda o delegado do Goberno en Galicia subliñou tamén que con estes traballos “o Goberno de Pedro Sánchez salda unha débeda con Redondela e coa mellora da calidade de vida da veciñanza deste concello que vive ao carón da autopista AP9”. A reposición dos viais, que executa a sociedade concesionaria da autopista (Audasa) conta cun investimento de 3,21 millóns de euros. Blanco avanzou tamén que o proxecto para a instalación de pantallas antirruido, que se desenvolve paralelamente, “xa pasou o trámite de información pública e está á espera da aprobación definitiva por parte do Ministerio”.