A cita máis inmediata orientada a público en xeral será este mércores 23 cun roteiro guiado por Soledad Chayán baixo o título “As mulleres das vila” que servirá para lembrar a violencia que sufriron as mulleres na época da Guerra Civil. Con todo, a campaña da concellería de Igualdade diríxese este ano especialmente á mocidade baixo o título “implícate contra a violencia machista” coa realización dun ciclo de charlas interactivas para o alumnado dos IES do Concello impartidas por Lucía Pereda, que se abrirá tamén ao público en xeral o mércores 1 ás 19:00 horas.
Neste sentido explica a edil de Igualdade Iria Vilaboa “que é preciso incidir na mocidade porque observamos como hai un paso atrás e como están a rexurdir comportamentos machistas que pensabamos superados”.
Outras das citas salientables é a de mañá mércores, cando a veciñanza poderá participar no roteiro guiado “As Mulleres da Vila” que partirá desde Vilavella e estará guiada por Soledad Chayán de Mellor con Guía. Para esta actividade é preciso reserva precia na Oficina Turismo (986401713 ou turismo@redondela.gal). Un percorrido que servirá para falar da violencia que sufriron as mulleres na época da Guerra Civil “mulleres rapadas que eran paseadas por toda a vila para humillalas”.
Os escolares e colectivos do municipio serán os protagonistas o venres día 24 coa lectura dos manifestos elaborados por eles ás 12.00 horas na praza do Concello. A xornalista e tiktoker galega María Foscaldo, que dá vida a “Virtudes a Repunante” nas redes, será a encargada de presentar o acto. Media hora máis tarde, ás 12.30 no Salgueiral terá lugar a entrega floral e unha lectura de poemas. A xornada contará coa actuación do Cuarteto de Cordas do Conservatorio Municipal.
Na mesma xornada pero xa a partir das 20:00 horas terá lugar a Gala Sesé Mateo, onde se fará entrega do III Premio de Xornalismo Sesé Mateo, que busca recoñecer a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista. Presentada por Laura Vaqueiro (CRTVG) e coas intervencións das xornalistas Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), a gala contará tamén coa asistencia de Joshua Matheo, fillo de Sesé. Participarán as Aulas Municipais de Teatro e o grupo musical Faíscas.
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o sábado 25 de novembro, celebrarase na Praza do Concello un acto ás 12.00 horas coa lectura da Declaración Institucional e a actuación da actriz e dramaturga Arantxa Treis coa peza “Sorpresa” .
As actividades continuarán o domingo día 26 en Vilavella ás 12.00 horas co espectáculo Danza na Rúa contra a Violencia Machista, cunha “flashmob” participativa. Dende a concellería de Igualdade anima á veciñanza a participar e bailer ao ritmo do tema musical de Lisístrata (Varre vasoira) de Fillas de Cassandra. A coreografía, realizada por Pau Izard, pode consultarse na páxina web do Concello de Redondela e nas redes sociais. No titorial están todos os pasos de baile e as explicacións realizadas pola propia coreógrafa.
Na actividade participará o alumnado dos diferentes grupos e escolas de baile do municipio.