A moción presentada polo BNG saiu adiante co apoio do grupo de PSOE e AER e na mesma reclámase á Consellería de Política Social que inclúa unha partida de 500.000 euros para a construción dunha escola infantil para Chapela que dea servizo a un mínimo de 40 nenos e nenas. O PP votou en contra argumentando que dende o goberno local non se están a realizar as xestións necesarias para que a Xunta de Galicia acometa esta obra e que pasaría pola presentación do correspondente proxecto.
A moción chegaba a pleno por segunda vez, logo de que hai un mes en medio do debate o BNG decidira abandonar o pleno ante “as reiteradas interrupcións da alcaldesa” en palabras do voceiro nacionalista, Xoán Carlos González.
Unha moción que demanda a construcción dunha escola infantil de 0 a 3 anos en Chapela que daría servizo tanto a esta parroquia como a de Trasmañó. Concretamente o texto presentado polo BNG solicita que a Consellería de Política Social inclúa unha partida de medio millón de euros para a construción na Finca da Xinaria desta infraestrutura que daría servizo a uns 40 cativos e cativas.
Dende o PP votaron en contra logo de argumentar que se a día de hoxe non está feita esa escola é por non ter feito o goberno local os trámites que lle demandaron dende a Consellería. Neste sentido apuntou que era necesario contar cun proxecto que non existe “o único que pedía a Xunta para proceder a construción de escolas infantís como si fixeron outros concellos como Mos, o Grove ou Porriño, que si accederon a ese financiamento”.
O edil de AER, Roberto Villar amosou o seu apoio a unha moción que busca a creación “dunha escola que é unha demanda dende hai anos e que debería ser xa unha realidade”. Aseguraba o socio do PSOE que dende o goberno hai intención de facer esa infraestrutura pero contestáballe a Javier Bas que “non imos poñernos a redactar proxectos que ao final quedan nun limbo se a Xunta non se compromete previamente a achegar os cartos”.
Contestáballe tamén ao PP a edil de Servizos Sociais, Iria Vilaboa quen insistía que a Xunta segue sen cumprir cos veciños e veciñas de Redondela “negándose a asinar un convenio malia que o concello ten todos os trámites feitos”. Lembraba que os terreos xa están a disposición da Xunta para a construcción desta obra así como o resto da documentación que lles reclamaron dende a Consellería “sen que o goberno galego cumpra a súa parte.