O Concello de Redondela xa ten todo listo para recibir aos Magos de Oriente na que promete ser a “mellor cabalgata da historia do municipio”. Este ano amplíase o desfile a 6 carrozas ambientadas en contos infantís. Haberá visitas especias como a da Coca Simona e moitas máis sorpresas de animación e espectáculo. Como é habitual a Policía Local establecerá un dispositivo especial de tráfico con motivo das cabalgatas de Reis en Redondela e Chapela.
Durante a mañá do 5 de xaneiro estará instalada nunha carpa no Campo da Feira de 11.00 a 13.30 horas con animación, actividades e moitas sorpresas. Pola tarde, se o tempo o permite, realizarase a cabalgata itinerante polas rúas de Redondela dende as 18:00 horas. En caso de choiva as carrozas manteranse na carpa de 17:30 a 20:30 horas.
A alcaldesa, Diga Rivas, afirma que este ano “celebrarase a mellor cabalgata de Reis da historia de Redondela nunha xornada que será máxica e chea de ilusión para nenos e nenas”. Pola súa banda Desde a concellería de Cultura a concelleira Rita Pérez sinala que “este ano ampliouse a cabalgata, cun total de seis carrozas ambientadas en contos infantís e con moitas sorpresas, e será o mellor desfile de Reis na historia de Redondela”. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados da Coca Simona, os Tres Porquiños, Cenicienta e Aladdín coa súa lámpada marabillosa, entre outros famosos personaxes dos contos. Haberá moita animación a cargo das compañías Troula Animación e Barafunda e sorpresas para crear “unha noite de reis máxica”. Repartirase máis dunha tonelada de caramelos sen glute e sen alérxenos para que todos os nenos e nenas poidan gozar destes doces.
Como cada ano as Súas Maxestades recibirán tamén aos nenos e nenas na Casa do Concello a partires das 20.00 horas. O obxectivo deste ano é que as Súas Maxestades estean a disposición dos nenos e nenas de Redondela ao longo de todo o día para conversar con eles e recibir as súas peticións, así como sacar unha fotografía que inmortalice o recordo.
Cabe destacar a disposición do Concello a organizar eventos inclusivos, xa que volven a poñer un ano máis un espazo delimitado e habilitado para nenos e nenas con diversidade funcional. Estará situado nos soportales da Casa do Concello para que poidan disfrutar da cabalgata cumplindo coas súas necesidades.
A cabalgata de Chapela comezará ás 17h da tarde facendo un percorrido a pé pola Av. De Redondela, pola zona do Centro de Saúde. Ás 18h da tarde sairán as carrozas do Alto da Encarnación percorrendo a Av. De Vigo polo carril dereito para finalizar nas 4 Pontes. Unha vez rematada a cabalgata, a xente pode dirixirse ao Circulo Cultural e recreativo de Chapela onde terá lugar a recepción oficial cos Reis Magos.
PECHES DE TRÁFICO
Desde a Policía Local de Redondela informan que, mañá dia 5, establecerase un dispositivo especial de tráfico con motivo das cabalgatas de Reis en Redondela e Chapela.
Ás 17:00 horas o tráfico estará pechado no treito entre o Supermercado DIA e o Convento de Vilavella para montaxe de carrozas. O peche do tráfico no casco Urbano será ás 18:00 horas polo desfile de carrozas dende o Convento ata a rúa Xeneral Rubín, dando volta no Campo da Feira para rematar no Concello.
O peche de tráfico en Chapela está prevista ás 18:00 horas no Alto da Encarnación e nas 4 Pontes (límite co Concello de Vigo) polo desfile de carrozas pola Avenida de Vigo.
Recoméndase a circulación a partires das 17:00 horas pola Avenida de Redondela N552 en ambos sentidos (Redondela – Vigo e Vigo – Redondela). Todo o anterior exposto, pode verse variado en función das condicións climatolóxicas, ao estar prevista a opción dunha cabalgata estática no Campo da Feira en Redondela.