Redondela Xove, o novo espazo habilitado no Multiusos da Xunqueira para a mocidade, remata a súa programación de Nadal cunha festa final que inclúe actividades de baile e percuterapia.
Esta área recreativa serve para a xuntanza libre, pero tamén para a organización de obradoiros de balde por parte do Concello para mocidade a partires dos 13 anos. Este Nadal desenvolvéronse actividades variadas do 26 de decembro ao 4 de xaneiro en horario de tarde. Segundo o Concelleiro de Xuventude, Iván Valles, o obxectivo é “ofrecer un lugar de encontro e de lecer para os máis novos, con actividades que lles resulten atractivas e poidan reunirse para gozar dun ocio saudable”.
A sala inclúe xogos de mesa, unha grada de uso libre e un futbolín que está sendo todo un éxito. Durante o período festivo desenvolveranse obradoiros de Defensa Persoal, Origami, Manga, Xadrez e outras sorpresas de 18.00 horas a 21.00 horas.
De cara ao vindeiro ano seguirán a organizarse actividades neste espazo para a xuventude, “e os propios mozos e mozas poderán participar na elaboración da programación achegando suxestións sobre as actividades que lles gustaría realizar”.
Hoxe a partir das 19:30 horas da tarde o Espazo Redondela Xove ofrece unha festa final con baile e percuterapia a cargo de monitores especializados.