O Concello de Redondela comprométese a que os nenos e nenas das familias máis vulnerables do municipio, poidan ter os seus agasallos de Nadal. Así, tras as xestións realizadas polo goberno local cos Reis Magos, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Redondela repartirá agasallos a nenos e nenas dunha trintena de familias en situación de vulnerabilidade. A concelleira Iria Vilaboa explica que se trata de xoguetes “non sexistas, sobre todo para pasar tempo de lecer en familia, xogos de mesa e educativos, tamén libros, contos e material escolar”.
Nesta ocasión son 33 rapaces e rapazas menores de 16 anos, e desde os Servizos Sociais de Redondela escolléronse agasallos de xeito personalizado para cada un deles segundo a súa idade. Os agasallos foron mercados polo Concello nos establecementos do comercio local cun orzamento de 2.500 euros, deste xeito “contribuímos tamén á dinamización do comercio local”, conclúe Rivas.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que se trata dunha acción que desenvolve o Concello de Redondela desde hai anos “porque todos os nenos e nenas merecen estrear xoguetes nestas datas”.