Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Julio Prado: “Debémonos ao legado que representamos e ao mar no que remamos”

_DSC1339

O Multiusos del Piñeiral do Crego acolleu,  na tarde de onte,  unha homenaxe a Julio Prado que se despide da presidencia do CR de Chapela despois de 20 anos vinculado a entidade. As instalacións da parroquia enchéronse de remeiros, representantes dos clubs deportivos da vila, membros da corporación do Concello de Redondela, familias e achegados quenes aplaudiron a labor de Prado e presenciaron a remuda da presidencia que agora ostenta Antonio Viaño.

O evento, emotivo dende o primeiro minuto, coincidiu co 40 aniversario do club. Julio Prado, presente no escenario, deu as gracias por esta homenaxe dedicada a súa persoa e no ton de humildade e respecto que o define falou da súa “inquietude polo mar”. Defendeu a importancia de respectar o medio natural e enalteceu o firme compromiso que ten o club co seu coidado, así como a gran responsabilidade coa contorna “xa que non somos só deporte, senón que tamén, educamos e contribuímos a forxar a futura sociedade de Chapela”. E engadiu “debémonos ao legado que representamos e ao mar no que remamos”.

“Temos unha gran responsabilidade co Municipio”, Julio Prado.

Prado, orixinario de Lugo, reafirmouse como Berete, porque “aquí naceron os meus fillos e netos”. Tivo tempo de contar algunha anécdota que fixo aplaudir con forza ao público. Explicou que tentou entrar a formar parte do Club Náutico de Vigo no ano 71, pero a súa exclusividade e a contía da cota obrigouno a buscar maneiras alternativas de formar parte dun club.  Algo do que non se arrepinte, todo o contrario.

“Con 19 tiña inquietude polo mar”, Julio.

Quixo nomear as persoas que estiveron ao seu carón e que tamén deixaron un gran legado no municipio como Paco Fenosa, Luis, Dévora, Zunzunegui, o expresidente Nando, o actual tesoreiro Ángel e a Mili “por acompañalo durante estes 20 anos” . Incorporou o lema do Club exprensado que , “co noso traballo, impulsamos Chapela a Golpe de Remo”.

Deu paso ao novo Presidente con palabras de agarimo que versaban: ”Antonio amigo, o Club non pode quedar en mellores mans”. E Viaño desenvolveu o seu discurso brevemente  destacando a figura de Prado como Referente deportivo e como persoa. “Compañeiro, vai ser difícil estar a altura do traballo que fixeches xunto co resto da directiva. É admirable manter no tempo esa xenerosidade necesaria para sacar adiante este proxecto.

“Compañeiro, vai ser difícil estar a altura do traballo”, Antonio.

A Secretaria xeral, Marian, na súa intervención fixo un repaso pola implicación de Prado en diferentes eidos sociais na parroquia e no municipio e sinalando momentos históricos para o club que compartiu con el durante o seu mandato. Puxo en valor a figura de Julio que “non só tivo un gran peso no ámbito administrativo e deportivo, senón tamén no persoal. Nun club modesto hai que ser todo un experto en resolver problemas e facer fronte ás diferentes sensibilidades e situación persoais dos nosos deportistas con humanidade”.

“Conseguimos fondos que ata a súa chegada nunca se solicitaran”, Marian.

Baixo a presidencia de Prado, que tivo unha duración de 10 anos, conseguiron as instalacións actuais situadas no Camiño Laredo.  Gracias ao traballo da directiva e técnicos na actualidade,  dispoñen de  27 embarcacións, entre traiñeiras, trainerillas, batei e banco móbil. Contan con 170 remeiros e remeiras nas súas filas, 98 deles en categorías base. O orzamento do 2023 foi de algo máis de 180.000 euros.

Deportivamente, como novidade, tiveron por primeira vez no mar catro traíñas: Veteranos, Liga Feminina, Liga A e Liga B Masculina. Ademais, conseguiron ser un referente no deporte feminino pola gran presencia da muller no Club, tanto na Directiva como entre os deportistas.  Contan cun total de 60 remeiras que destacan na liga F ao acadar numerosos premios, o máis recente o do ouro na final do Campionato de España.  Ao longo da historia, o Club, conseguiu clasificarse para a Bandeira da Concha masculina (2012) e, en 2021 e 2022, para a Bandeira da Concha feminina. En 2023, cultivou importantes éxitos deportivos como as cinco medallas conseguidas pola tripulación masculina no último Campionato de España de bateis.

Marian quixo resaltar a importancia do Día do Remo, 23 de setembro, consolidado como “unha cita para todos os veciños e veciñas de Chapela que congrega ó redor desta práctica deportiva unha gran festa gastronómica e musical”. Pero a labor social non se limita a unha soa data, xa que apostan por amosar os valores deportivos nos centros educativos da localidade ou en organizacións como a Asociación Deportiva e Cultural de Rande ou a Asociación Berce -que presta o seu apoio a nenos e nenas en situación de desamparo – entre outras moitas organización que se achegan ás instalacións .

Despediu o acto a alcaldesa Digna Rivas e o Concelleiro de Deporte Iván Valles que agradeceron a labor de Julio Prado e de todo o CR de Chapela no municipio. Ademais da homenaxe persoal da directiva e representantes da institución local recibiu agasallos por parte dos e das deportistas, así como a Coca de Sargadelos símbolo de honra en Redondela. Aínda que Prado se despide como presidente asegura que seguirá vinculado ao deporte e ao Club, xa que non pode “de ningunha maneira desvincularse do que se converteu nunha paixón”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará