O pavillón municipal xa é oficialmente Pavillón da Montesiña Alfonso Pazos, logo de que esta fin de semana se celebrase un acto institucional no que estivo presente o homenaxeado, un veciño que dedicou toda a súa vida ao deporte e que fixo de todo polo baloncesto, masculino e feminino, do concello de Soutomaior.
Unha gran ovación por parte do público asistente serviu para recibir no pavillóns a Pazos. A continuación tivo lugar a parte máis institucional do acto coa intervención dos representantes da corporación local quen salientaron o traballo e a enorme dedicación de Alfonso Pazos polo deporte no concello, entregándoselle unha camiseta co número 1 e o seu nome do Club de Baloncesto Arcade e un marco con fotos históricas do club.
A continuación, chegou a parte máis emotiva do acto coa intervención de deportistas vencellados con Alfonso Pazos e coa súa historia do deporte do concello. Interviron o vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto, Ramón Lago e logo veciñas e veciños do concello que formaron parte en diferentes xeracións do Club de Baloncesto Arcade que foron Nieves Lusquiños, Eduardo Reguera Ocampo e Xaime Nogueira. Todos e cada un delas e eles destacaron a enorme valía de Alfonso Pazos que apostou polo baloncesto ata o final, que en épocas difíciles conseguiu que moitas mozas e mozos visen no deporte como unha saída ante moitos problemas, pero o que todas e todos destacaron por enriba de todo era o seu “enorme corazón, sempre disposto a escoitar e a prestar axuda ante calquera situación persoal ou deportiva”.
Alfonso Pazos tivo a oportunidade, emocionado, de agradecer a presenza e o agarimo recibido nesta xornada por todas e todos os que estiveron neste día no Pavillón. Tras esta intervención chegou o descubrimento da placa co nome do Pavillón da Montesiña Alfonso Pazos.