O club de baloncesto de Redondela cumpre 15 anos ampliando categorías e incrementado o número de participantes. Con case 150 deportistas e 12 equipos federados, este ano conseguiron retomar con forza o equipo Sénior e crear o equipo de nais que debutará na pista o 8 de marzo cun Torneo Solidario.
A pesar dos atrancos que supuxo a pandemia, reducindo notablemente o número de fichas durante un par de anos, conseguiron remontar nas últimas tempadas e o club rexurdiu con forza. Contan con 12 equipos federados divididos en un equipo baby, dos pre-minis, tres minis, tres infantís, dous cadetes e un sénior. Este ano recuperaron o equipo sénior e segundo o adestrador e coordinador do club, Quique Diego, “están traballando para subir o nivel nas competicións e que o equipo da categoría superior sexa un exemplo para os deportistas do club”.
A entidade, ademais dos 12 equipos en competición, dispón de grupos escolares en Laredo -Chapela- e cada ano organiza un torneo interescolar cunha enorme participación. Para o club gañar partidos é “sempre unha prioridade no campo para calquera equipo”, pero o obxectivo principal é “divertirse, seguir crecendo e que os nenos e nenas teñan un referente no baloncesto dentro do municipio”.
Nestes momentos adestran no Pavillón IES Mendiño e atópanse nun proceso de mellora das instalación. Están arranxando canastras e modificando a distribución da pista para que todos os equipos teñan horario de adestramento adaptado as necesidades de cada categoría. Quique Diego apunta que “unha das maiores urxencias do club é atopar novos patrocinadores”.
Como mostra do espírito do club, este ano participaron nunha iniciativa solidaria organizada pola asociación ‘Uno entre cien mil’ chamada ‘Canastras contra o Cancro Infantil’. Consistiu na doazón dun euro por cada punto que conseguiran os diferentes equipos do club durante unha xornada. Alcanzaron os 516 puntos que as familias redondearon nunha doazón de 550 euros á asociación. Para o adestrador isto non só é unha mostra de solidariedade, senón tamén “unha motivación”. Despois do bo resultado desta iniciativa o ano que vén repetirán a experiencia.
Continuando coa liña de actividades solidarias, a formación de nais debutará na pista cun Torneo Solidario o 8 de marzo. A intención é recadar cartos para a ONG redondelá ‘Dá man’. Ademais do equipo redondelán – chamado ‘CBR8M’- , participa ‘Demamas’ do Morrazo e o ‘CB Condado’. A madriña deste torneo é Cristina Cantero, adestradora do equipo feminino do Celta, “toda unha honra para o club”. Visitou as instalacións e aportou agasallos para sortear durante o torneo. Dende o Club de Baloncesto de Redondela esperan “encher o pavillón do IES Mendiño en apoio a unha boa causa”.