A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza unha nova edición do día da árbore para o vindeiro domingo 3 de marzo que se desenvolverá na contorna do Camiño a Santiago alternativo e no barrio de Saramagoso nas inmediacións das vivendas. O punto de encontro será a explanada xunto a casa rural “As Chivas” a partir das 10:30 h da mañá.
Na mesma liña que en edicións anteriores, nesta ocasión traballarase na creación dunha franxa verde con frondosas autóctonas para a defensa contra incendios forestais no entorno das vivendas. Esta área sitúase sobre o barrio de Saramagoso e faranse plantacións fundamentalmente de castiñeiros e bidueiros.
Do mesmo xeito, no entorno da senda alternativa ao Camiño de Santiago, actuarase sobre outra superficie onde se pretende consolidar a masa de frondosas caducifolias de cara a aumentar as zonas de conservación do monte veciñal e naturalizar o entorno deste roteiro por onde se prevé que transcorran numerosos camiñantes.
Repoboarase así coa axuda dos voluntarios que se acheguen máis de duascentas árbores diversas para deste xeito apoiar a recuperación da diversidade arbórea da zona e, como non, realizar unha acción didáctica entre adultos e os máis cativos achegando a experiencia de participar no mantemento e coidado da natureza en xeral, e do monte comunal en man común en concreto. O día da árbore do Viso é unha actividade aberta a toda a veciñanza, na que poden participar sen máis que levando un legón, unha lubas e ganas de traballar para conseguir un monte que siga proporcionando recursos tanxibles e intanxibles como poden ser as augas, a paisaxe, a fixación de carbono, leñas, froitos como as castañas, cogomelos, hábitats de fauna e flora.