O redondelá Lorenzo Míguez Baquero, recolleu a medalla de ouro na primeira edición da Copa Reino de Aragón na categoría Júnior -66 kilogramos da disciplina de levantamento de peso Powerlifting. Conseguiu levantar 512,5 kg no conxunto das probas, superando a marca mínima en máis de 100 kg. Despois da proba en Zaragoza, pasa a seguinte competición en Burgos onde tentará mellorar os resultados e clasificarse para o Campionato de España.
Na proba de iniciación celebrada no polideportivo María de Huerva en Zaragoza, correspondente a AP3, participaron 25 deportistas de distintas zonas de España e el era o único galego. As fases, como é habitual, consistían en levantar peso con distintas técnicas: agachada, press banca e peso morto.
Enfrontouse a 5 opoñentes da súa categoría, todos do club organizador Barbell. Explica Lorenzo que este “é un deporte pouco coñecido e que, sobre todo nas probas de menor peso, compites contra pouca xente”. Aínda que o que realmente move o seu interese é “competir contra un mesmo e o peso que levantas”. A meta deste certame era levantar 400kg, marca que superou “de sobra”.
O seu obxectivo é chegar a AP1, correspondente a nivel nacional, e competir no Campionato de España. Para iso ten que superar a AP2 en Burgos que se celebra en xuño e onde terá que levantar máis de 460 kg. Vendo o resultado do seu debut, con 512kg, vese “seguro de conseguir a marca” e tentará “volver a subir ao podio e avantaxar aos seus rivais”.
Leva 5 anos facendo deporte pero só 6 meses adestrando co club Vákner Powerlifting Galiza en Ourense, onde comezou impulsado polos compañeiros do ximnasio no que traballa porque vían potencial nel. Aconsella contratar un adestrador persoal canto antes para aprender técnica, porque aínda que “pareza que só hai que levantar peso a técnica é o máis importante para evitar danos e sobre todo poder competir”.
De cara ao futuro ten pensado subir á categoría de -74 kg, porque por idade este é o seu último ano en Júnior -66kg. “Esto é unha carreira de fondo na que tardas anos en chegar ao obxectivo e o peso é moi importante, polo que pasará un tempo ata que poida subir de categoría e competir no nacional”.
A seguirte porba que ten que superar para poder competir a nivel estatal como Júnior celébrase o 8 e 9 de xuño en Burgos. Neste Interrexional NorOeste participarán deportistas de Asturias, Cantabria, Castilla e León, Euskadi, A Rioxa e Navarra.