Tardaron 4 tempadas en conseguilo, pero o BM Chapela xa contan con todas as categorías dende prebenxamín a sénior. Os equipos sénior que militan en autonómica están compostos por deportistas novos de moita calidade. Dende a directiva do club apostan pola canteira para consolidar o que consideran “un proxecto de futuro para o deporte en Chapela”.
O Balonmán Chapela, despois de anos de esforzo, conta con 200 licenzas federativas repartidas entre equipos de todas as categorías: prebenxamín, benxamín (2), alevín, infantil feminino (2), infantil masculino, cadete masculino, cadete feminino, xuvenil masculino, xuvenil feminino, sénior masculino e sénior feminino. Fixeron unha presentación da plantilla no Pavillón de deportes de Chapela “Manuel González Soto” onde fixeron unha foto que demostra “a gran familia que conforman”.
A directiva do Balonmán Chapela leva apostando durante dúas tempadas pola canteira e consolidado un proxecto que consideran “de futuro”, porque xa está dando os seus froitos. Tras finalizar esta tempada o equipo sénior masculino militará unha vez máis en Primeira Autonómica, mentres que o sénior feminino debe esperar “ao numero de equipos que se inscriban a próxima tempada na mesma liga para saber se militan en primeira ou en segunda”.
Destacan que o equipo infantil feminino clasificouse, a falta dunha xornada, para disputar o Campionato de España o próximo mes de maio e o equipo cadete feminino clasificouse para disputar a Final Four tamén o próximo mes de maio. Isto supón un crecemento moi importante para o Balonmán Chapela que se achega ás case 200 licenzas esta tempada.