Máis de 300 escolares de diferentes institutos de Redondela asistiron ao concerto de Brais Morán & Nasaufunk na Alameda de Castelao organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Redondela dentro da iniciativa do departamento chamada “Semaniña Enteira”.
Esta iniciativa, que xurdiu dos equipos de Normalización Lingüística dos institutos, tiña o obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade, e o reto que tiñan que superar era falalo durante 7 días as 24 horas. Participaron alumnos e alumnas dos IES Chapela, Floriani e Mendiño.
A actuación, que estaba prevista para o pasado mes de marzo, tivera que adiarse por mor da chuvia. O venres, o bo día e a música de Brais Morán e a súa banda Nasaufunk fixeron bailar ao alumnado e docentes, pero tamén a xente interesada que achegouse encamiñada polo son dos rimos funky e disco que saía da Alameda de Castelao. O concelleiro de Ensino, Iván Valles, felicitou á rapazada por ter superado o reto, e animounos a usar o galego “non só unha semaniña enteira, senón un mes enteiro, e o ano enteiro”.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística, e a petición de varias escolas, proponse celebrar un novo reto “Semaniña enteira” nos colexios de Primaria. Xa son varios os centros que amosaron o seu interese en facelo e que o porán en marcha no mes de maio.
Alcaldesa Digna Rivas confía en que retos coma este sirvan “para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade” e reafirma o compromiso do seu goberno “para seguir colaborando en todas as iniciativas que se poñan e marcha a prol da lingua”. Brais Morán e Nasaufunk reflicten a forza do rock e das vivencias dos últimos anos na escena musical galega. Para os interesados en escoitalos e coñecelos máis, hoxe sábado 20, estarán na Arca da Noe, en Vilar de Santos e o venres 3 de Maio no Sinattra Club en VIGO.