O grupo de Redondela, integrado por un pai José Manuel Díaz e os dous fillos, Omara unha nena de 7 anos e Román un rapaz de 10, participou a pasada fin de semana na final do concurso celebrado no teatro Colón da Coruña. Co seu tema “A cadeira da avoa” cargado de humor, ritmo e música tradicional acadaron un máis que meritorio segundo posto logo dunha actuación en directo que foi aplaudida por público e xurado.
O Teatro Colón da Coruña foi o escenario no que se desenvolveu a final do concurso Quero Cantar. A formación HUSH integrada por seis nenas e nenos que estudan na escola ‘Entre Caixas’ de Teo fíxose co primeiro premio na categoría infantil, mentres que na xuvenil o premio foi para Daniela Montes da Laracha con “Non todo era malo”. O trío de Redondela logrou un segundo posto “con sabor a primeiro” segundo nos explicaba un dos seus integrantes, Román.
Cartos para mercar instrumentos e a gravación da canción nun estudo profesional é o premio que recibía todos os participantes que chegaron a final do concurso e que pasaron pola experiencia de subirse escenario e enfrontarse a un xurado que soubo valorar os seus méritos tal e como nos explicaba José Manuel, encargado de acompañar coa guitarra as voces de Omara e Román que tocan ademais a trompeta e o clarinete.
Omara con tan só 7 anos explicábanos que houbo moitos nervios á hora de actuar pero amosa a súa satisfacción por un premio que confía en repetir en próximas edicións.
As finalistas desta VII edición do ‘Quero Cantar’ foran seleccionadas por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música. Con todo, a decisión final quedou en mans dun xurado infantil que foi o encargado de valorar a cada un dos participantes.