O Team GR Husqvarna formado en Redondela é “un equipo con 100% ADN galego’, co obxectivo de competir ao máis alto nivel na categoría de motociclismo do Supermotard e creado polos irmáns Gourdon-Rafael.
Álex (17 anos) e Théo (18 ano) contan xa con experiencia en motociclismo de Velocidade da man do equipo Leopard Impala Junior Team en competicións como a Hawkers European Talent Cup en Estoril, o Mundial Junio de Velocidad, ou o Campionato de España ESBK 2020 no que Théo logrou clasificarse como o terceiro mellor piloto da súa categoría a nivel nacional. En 2023 competiron representado a VF co equipo Monlau e co que Álex participou no Campionato de España de Supermoto en Villena e na VF Challenge Lirón en Supermoto Sub21. Puido aprender rodeado dos mellores pilotos e afianzar a súa presenza na categoría de Supermoto.
Ambos irmáns compaxinan as competicións de velocidade e supermoto e agora “gracias a influencia do seu adestrador Ricar Jové” deciden dedicarse principalmente a esta última disciplina formando o seu propio equipo Team GR Husqvarna. Síntense moi ilusionados e explican que “o lugar máis lóxico para establecer a base de operacións sería Barcelona, pola gran presenza deste deporte na cidade”. Sen embargo, prefiren “facer as cousas na casa”.
O circuíto de A Madalena en Forcarei, non está lonxe de Redondela. Consideran que o “Supermotard pódese adestrar perfectamente en Galicia, a pesar de ser un deporte minoritario aquí” .
Gracias a presenza do equipo de Álex e Théo, Redondela contará cunha estrutura profesional e un equipo experimentado formado polo Director Deportivo Ricard Jové, o técnico de suspensións Justo e os mecánicos Martin, Kevin e Unai. “Gastan” unha moto por ano e tras os logros acumulados están patrocinados por Huqsvarna, unha gran axuda que fai posible este novo proxecto.
A evolución dos pilotos é moi positiva e podería dicirse que meteórica. Pasaron de clasificarse múltiples veces en anos anteriores na terceira e segunda posición nacional a acadar os primeiros postos nas competicións estatais e europeas. Este ano o Campionato de España de Supermotard celebrouse a mediados de abril no Complex do Motor do Circuit d’Albaida en Valencia. Os dous irmáns participaron co seu propio equipo Team GR Husqvarna e puxeron o aliciente no campionato estatal. Alí Theo gañou o primeiro posto na categoría SMRoad e Alex destacou por ser o máis rápido do circuíto, pero sen chegar a vencer por una penalización na segunda manga.
Théo tivo que afastarse da pista durante a tempada anterior por unha operación de cadeira, pero regresa con forza como demostrou no Campionato de España en abril. Agora a cita máis próxima é o 25 e 26 de maio no circuíto de Tarancon en Cuenca e a mediados de xuño participarán na competición galega no Circuíto Madalena en Forcarei, terceira proba do Campionato de España. Aquí Álex pretende “superarse a si mesmo e acadar o primeiro posto asubiando”, xa que o ano pasado quedou de segundo. Pola súa banda, Théo móstrase confiado e cre que “durante a pretempada recuperou a forza por completo despois da operación”, polo que o seu obxectivo tamén é gañar.
Este ano tamén participan no Campionato de Europa en Italia organizado en Piemonte do 27 ao 30 de xuño. Un circuíto que se plantexa máis complicado, pero no que marcan o mesmo obxectivo.
O Team GR Husqvarna, con base en Redondela, pon o noso municipio no mapa dos mellores deportistas de Supermoto de España.