Máis de 250 escolares de educación infantil, primaria e secundaria de Soutomaior participaron na I edición dos Xogos da Lingua. Unha actividade intercentros onde se correu en relevo para amosar a importancia de falar a nosa lingua e a importancia do relevo xeracional para garantir a permanencia do idioma. Na xornada houbo tamén bailes e cánticos e rematou no Pavillón Municipal Alfonso Pazos coa actuación do Mago Noel.
Dentro da programación das Letras Galegas o concello de Soutomaior organizou este marte a primeira edición dos Xogos da Lingua. O tempo non acompañou ao comezo da xornada pero ás 10:30 h. puideron dar inicio estes Xogos da Lingua coa “quedada” en Salgueirón dos centros participantes: EEI de Romariz, o Colexio Santiago Apóstol e o IES Soutomaior. Dende Salgueirón percorreron as rúas ata o Pavillón Municipal Alfonso Pazos con cánticos, bailes e moito divertimento.
A chegada ao Pavillón tocou seguir Xogando coa Lingua, e tras varios xogos un integrante de cada grupo reuniuse para dar forma a un quebracabezas moi especial que deu como resultado unha imaxe da homenaxeada neste 17 de maio, a escritora Luísa Villalta.
Houbo merenda e agasallo que consistiu nunha chapa que leva o lema desta I edición dos Xogos da Lingua, Soutomaior acende a lingua. Trala merenda e agasallos chegou a quenda do espectáculo do Mago Noel, que conseguiu deixou abraiados aos asistente coa súa maxia.
Unha programación das letras que continuará nas vindeiras semanas. A cita máis inmediata será o mércores 29 de maio cos Contacontos en verso con Yolanda Castaño, unha cita que terá lugar ás 18:00h. na Biblioteca Luís Seoane. A actuación de Sarabela Teatro co espectáculo “Made in Galicia” que estaba previsto para este sábado tivo que se adiadas ao 28 de setembro.