O 3 de decembro de cada ano conmemórase o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. A Asociación Andaina sae a rúa nesta data para realizar diferentes actividades reivindicativas uníndose así ás que se desenvolverán en toda Galicia. Dende as 10:30 horas instalarán unha mesa informativa con venta de diferentes materiais ás portas do Concello, para despois achegarse ao Salgueiral e inaugurar o “semáforo adaptado” nesta rúa. Volverán ao punto inicial para a lectura do manifesto e pecharán o acto cunha “paraguada de loito” que se completa coa actuación da Rondalla de Ventosela .
Lara Naya, da directiva, explica que o lema de este ano “máis dereitos e menos favores” reivindica a necesidade de traballar e celebrar todos los días do ano a diversidade e non só nunha data concreta. “Neste 2024 incorporamos aos paraguas de cores outros negros en sinal de protesta. Porque outro ano máis seguimos demandando o mesmo que o ano pasado. Seguimos demandando, como familias, que remate a segregación na educación, no deporte, na sanidade, no laboral, na accesibilidade arquitectónica, cognitiva e sensioral e en xeral na sociedade”.
A pesar das dificultades que seguen tendo todos os días, síntense “máis empoderados ca nunca”. O motivo é que fai oito meses a asociación de Redondela foi declarada pola Xunta de Galicia como entidade de utilidade pública por Orde do 12 de Abril de 2024, publicada no DOGA 79 do 22 de abril de 2024. Polo que coas cotas de socio poderase obter beneficios a nivel fiscal, unha boa nova que dálles un impulso para continuar co seu traballo.
Seguindo co noso proxecto de facer redondela accesible cognitivamente para todos e todas ás 11:30 horas procederán a inauguración e instalación dunha placa informativa no semáforo da Rúa do Salgueiral para converter o semáforo en adaptado. Está pensada para facilitar as persoas con necesidade de SAAC a súa comprensión, así como persoas con autismo ou dificultade coa lenguaxe; entre outros. Este proxecto conta coa colaboración do Concello de Redondela e atópase dentro da iniciativa Redondela Accesible, da que tamén forma parte a campaña de pictogramas coa que atoparon trabas no pasado de distintas entidades e grupos políticos municipais.
Ás 12:15 volverán á Praza do Concello para a lectura do Manifesto coa participación dos colexios Santa Mariñ, o IES Illa de San Simón, CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro e Colexio de Quintel. Falarán as familias e a xunta directiva, pero porán voz á reivindicación os socios e socias de Andaina. “Queremos romper con todos eses prexuízos e muros con que se topan a diario. O máis importante é facer sinerxías co ensino porque a diversidade e a cidadanía faise só na convivencia, dice a ONU que en contornas diversas é onde máis se aprende e se evita a discriminación”, engade Lara.
Terán instalada tamén unha mesa con venta de productos de Andaina e tamén achegarán medios para que a xente interesada poida facerse socios. Haberá tamén Lotaría de Nadal e calendarios, entre outras cousas. “Temos estuches feitos por colaboradores con Vai Rañala en busca de financiación para seguir coas nosas actividades. Esta mesa estará levada polos alumnos de prelaboral da asociación”, sinala Lara Naya.
O peche do acto será unha gran “paraguada de loito”. Este ano quixeron darlle unha volta a iniciativa e entre os habituais paraugas de cores haberá tamén negros, a modo de protesta e para reivindicar os dereitos das diversidade funcional, que di Lara Naya “seguen matando”. Acompañará o acto a música da Rondalla de Ventosela, que consideran un exemplo de convivencia e onde participan socios de Andainda.
Animan á toda a veciñanza a achegarse o día 3 de decembro a Praza do Concello para reivindicar xunto a eles os dereitos das persoas con diversidade funcional, unha sociedade máis inclusiva e diversa na que non se desvirtúen as palabras e perdan a forza do seu significado polo camiño.
REIVINDICACIÓNS EN DISTINTOS EIDOS
EDUCACION
Un dos dereitos básicos e universais dos nenos e nenas. Unha educación pensada para todos e todas, onde ningún neno ou nena quede fora polas súas características e onde non se segregue por cuestión de capacidades para evitar sufrimentos innecesarios. Unha contorna onde se cree e eduque en comunidade e se constrúa cidadanía, por riba de contidos curriculares. Cada setembro vense obrigados a reclamar os recursos necesarios para ensinar en diversidade, algo que lle corresponde as persoas por lei. Desta forma poderían escolarizarse na súa zona, cos seus veciños e veciñas e non terían que recorrer quilómetros para poder entrar en centros onde poñan os recursos que precisan. España foi recentemente amoestada pola ONU por seguir mantendo unha educación segregada.
SANIDADE
Denuncian que seguen vulnerándose os dereitos na sanidade. Recentemente tiveron que reclamar docentes na unidades infanto-xuvenil do Cunqueiro para a rapazada hospitalizada porque os suprimiron. “Seguimos tendo que visitar outras cidades en busca de centros onde poidan atender a persoas con diversidade. Séguese falando coas familias sen considerar a presencia do adulto con discapacidade, sen adaptar a consulta a súa comprensión”, Andaina.
DEPORTE
“Son clubs contados cos dedos das mans os que teñen nas súas filas ou no seu deporte base a rapaces con discapacidade” explican dende Andaina. Séguese tendo que estar segregado en grupos de discapacidade para poder facer o seu deporte e non contan con monitoraxe de apoio.
EMPREGO
Cada vez son mais a empresas que apostan pola contratación de persoas con diversidade pero seguen sendo a maioría pequenas e medianas empresas. O emprego con apoio crece pero cuns porcentaxes moi pequenos. “Non se quere apostar polas súas capacidades nun mercado laboral non que só se valora o rendemento económico. Nin se cumpre a lei nas grandes empresas onde ten que haber un porcentaxe de empregados con discapacidade”, Andaina.
ASISTENTE PERSOAL
Unha figura moi importante para alcanzar una vida independente é a do Asistente Persoal. Actualmente está moi pouco presente en Galicia con respecto a outras comunidades autónomas e as persoas que dispoñen del teñen subvencionada moi poucas horas ó día.
VIDA INDEPENDENTE
Falan da necesidade de crear vivendas comunitarias, onde poidan desenvolverse como persoas plenas nas súas tarefas diarias como calquera persoa. “Deixando así de ser considerados como nenos pequenos e tendo en conta a súa opinión. TEMOS QUE DEIXAR DE INFANTIZALOS”, Andaina.
ADAPTABILIDADE DOS ENTORNOS – ARQUITECTONICAMENTE E COGNITIVAMENTE
O dereito a accesibilidade segue sendo vulnerado continuamente. Son moitas as beirarrúas onde non se ponde transitar con cadeira de rodas ou persas con mobilidade reducida. Tamén explican dende Andaina que segue “vulnerándose o dereito de aparcamento en praza de mobilidade reducida e sendo diariamente usadas por cidadáns que non precisan delas”.
“Accesibilidade cognitiva non existe nin se entende na sociedade”. Poñen como exemplo a campaña de pictogramas feita no Concello e reivindican a necesidade de textos en lectura fácil nas webs e documentos oficiais.