O Concello de Redondela anuncia un investimento de 530.000 euros para acometer a reforma integral da estrada no tramo entre a N-555 e o camiño do Campiño, que se dotará con beirarrúas nunha das súas marxes. A obra estará financiada a través do plan +Provincia da Deputación. Tamén se procederá a mellorar a pista polideportiva do colexio, onde se construirá unha nova pista de formigón pulido cun investimento de 48.000 euros.
A humanización deste treito ten un dobre obxectivo “por unha banda ordenar os espazos de forma máis equilibrada, dando prioridade ao peón, e por outra parte renovar e mellorar os servizos urbanos que se atopan en mal estado” en palabras da alcaldesa, Digna Rivas.
A situación actual da rúa caracterízase por un estado de conservación deficiente debido ao paso do tempo e ás sucesivas reformas parciais. A ausencia case total de beirarrúas, os parches e as intervencións illadas realizadas ao longo dos anos fan recomendable a renovación integral dos acabados. Tamén é necesario renovar a rede de drenaxe.
Esta renovación integral da estrada permitirá incluír un paso peonil seguro para facilitar o acceso ao CEIP Porto Cabeiro desde a N-555, cunha beirarrúa dunha das marxes da vía. A nova calzada terá 5,8 metros, con carrís de 2,75 metros cada un. A beirarrúa terá un ancho variable, de entre 1,1 metros e 3 metros. Tamén se incluirán elementos vexetais ao longo do itinerario. Os traballos licitaranse por un importe superior aos 530.000 euros dentro do plan +Provincia financiado pola Deputación de Pontevedra.
Outra das actuacións anunciadas afectará a pista polideportiva ao aire libre do CEIP Porto Cabeiro actualmente moi deteriorada. Neste espazo, de máis de 900 metros cadrados, construirase unha nova pista de formigón pulido, que levará un tratamento para evitar esvaróns. Estes traballos, que tamén se inclúen no plan +Provincia, contan cun orzamento de 48.000 euros, e unha parte será financiada con fondos municipais.