Estes diques de pedra instaláronse na saída do río no ano 1926 co obxectivo de dar máis calado e permitir que os barcos chegaran ata o porto, situado antigamente no espazo que agora ocupa a praza de abastos. A actuación tivo consecuencias negativas ao interromper as mareas, provocar a acumulación de lodos e impedir que a area chegue a praia. A retirada desta escollera tería un custe de 75.000 euros e suporía, segundo explica o patrón maior, Clemente bastos, recuperar o estuario do río no seu aspecto orixinal.
A obra, realizada en torno ao ano 1926, consistiu na canalización do río Alvedosa na súa desembocadura coa construción de dous diques mergullables cuxo trazado discorría paralelo á canle principal do río dende a saída ata a punta Socorro na Portela. O obxectivo era gañar calado para permitir que os barcos accederan ata o porto, ubicado no espazo que agora ocupa o mercado. A obra, explica Bastos, tivo o efecto contrario e foi moi negativa para a zona “ao interromper as correntes fai que se acumulen os lodos e impide que a area saia en dirección á praia, que cada vez presenta menos area”. Dende hai tres anos, a Confraría está a traballar xa no proxecto para a retirada destas escolleras e actualmente están en fase de busca de financiamento. A actuación consistiría concretamente en retirar 350 metros de escollera de cada lado en dúas fases, devolvendo a desembocadura do río ao seu aspecto orixinal de inicios do século pasado. A obra tería un custe total de 75.000 euros e a Confraría en colaboración co Concello solicitará que sexa subvencionada a través das axudas que se conceden para proxectos dos Grupos de Acción Costeira (GAC) ao abeiro dos plans estratéxicos cofinanciadas polo Fondo Europeo de Pesca.