O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obriga á Xunta a incrementar as indemnizacións aos familiares dos dous brigadistas que faleceron, tras admitir os recursos dos prexudicados. A sentenza conclúe que houbo un “deficiente funcionamento dos servizos públicos”.
O 12 de agosto de 2010 dous brigadistas morreron cando loitaban contra o lume en Fornelos de Montes. Un ano despois, as familias dos brigadistas falecidos, Rodrigo Amo González (Nigrán) e Xulio Martínez da Silva (Vigo), recibiron unha indemnización conxunta de 75 mil euros, unha cantidade que xulgaron insuficiente, ao considerar que os defectos e fallos no dispositivo público de extinción foran determinantes no fatal desenlace. Por ese motivo, reclamáronlle á Xunta o pago dunha nova indemnización de 175 mil euros, en concepto de responsabilidade patrimonial da Administración. A negativa do Goberno galego fixo que o asunto terminase nos tribunais. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ditar sentenza, determinando a responsabilidade da Xunta na morte dos dous brigadistas, considerando que houbo un “deficiente funcionamento dos servizos públicos” e obrigando o Goberno galego a indemnizar ás familias con 52.500 euros, unha terceira parte do solicitado. No ditame detállanse as declaracións das testemuñas, que coinciden en sinalar que, á chegada dos brigadistas ao lugar do incendio, o lume era “controlable” e non había vento nin existía perigo excesivo, unha situación que cambiou rapidamente. Nese momento, a ausencia no lugar da motobomba coa que se esperaba contar foi determinante. O xuíz conclúe que “tanto os medios materiais de que dispuñan os brigadistas como os protocolos a seguir foron os adecuados ás esixencias da situación producida” e que “as decisións conxuntas adoptadas polos brigadistas foron en todo momento correctas”. Con todo, subliña que no sucedido foi clave a excesiva tardanza do vehículo motobomba en chegar ao lugar. Entende que, de contarse no lugar do sinistro, desde o primeiro momento, con ese servizo, as graves consecuencias posiblemente non se terían roducido. Engade o maxistrado que non vale argüir “que o condutor non coñecía a paraxe”.