A parroquia do Viso acolle este sábado unha nova edición da Festa dos Fachos co percorrido habitual, a fogueira e a popular queimada co mestre Noe Massó. Nesta edición a invocación correrá a cargo do antropólogo Rafael Quintía. A saída está prevista para as 23:30 horas dende o cruce da estrada do Viso coa que leva A Peneda e unha hora antes xa se poderán adquirir os fachos que alumearán na ascensión ao monte.
O ascenso é de 1.500 metros ata a zona da sobreira da Peneda, a escasos metros do cumio. O percorrido é doado por unha estrada asfaltada. O chegar alí, procedérase a lectura da invocación a cargo de Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. Nos instantes finais é habitual a chegada do espírito de Pedro Madruga polo recinto da festa para facer a “purificasion” e, a continuación, Noé Massó realizará a habitual queimada máxica. Sempre e o momento máis esperado da noite pola súa espectacularidade e, tamén, polo humor deste bruxo que non deixa indiferente a ninguén. Rematará a Festa dos Fachos co reparto de rosquillas de Ponteareas para acompañar á queimada. Os asistentes poderán gozar dun entorno espectacular no linde entre os concellos de Redondela e Soutomaior cunhas vistas de toda a Ría de Vigo e nunha ubicación que acolleu poboado castrexo, viviu as guerras medievais de Pedro Madruga e foi cristianizado coa construción da capela na Idade Moderna. Os organizadores da Festa dos Fachos reclaman un ano máis unha adecuada protección e posta en valor da Peneda con medidas eficaces para combater a súa destrución sistemática e tamén a recuperación dos elementos naturais.