A Deputación de Pontevedra esgotou en tres semanas todas as entradas para as visitas teatralizadas ao castelo programadas ata setembro. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo “rotundo éxito” deste programa, “unha grande idea cuxa extraordinaria resposta nos anima a repetir e ata a ampliar o número de sesións e prazas o vindeiro ano”.
Unha actividade posta en marcha o pasado ano por vez primeira e que este ano se está a repetir cun enfoque máis lúdico, dirixido a toda a familia. As visitas, nas que participan 30 nenas e nenos acompañados polas súas familias por sesión, mergulla aos e ás participantes “nunha divertida aventura a través da que coñecen os segredos e historia deste monumento medieval e que fai as delicias dos e das máis pequenas da casa”.
Con estas visitas a Deputación de Pontevedra quere ofertar unha forma diferente de descubrir e coñecer o Castelo de Soutomaior dirixida a todas as persoas que integran a familia, dende as máis pequenas ás maiores, dun xeito divertido e interactivo para que as nenas e nenos poidan coñecer a súa historia dende un punto de vista máis próximo, de forma que cada visita sexa unha auténtica aventura.
En total, a Deputación de Pontevedra organizou para este verán 34 visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior de 45 minutos para grupos dun máximo de 30 persoas.