A fin da tarxeta verde deixa sen descontos aos usuarios do transporte urbano que non estean empadroados en Vigo. A medida, xa anunciada dende hai meses, faise efectiva na xornada de hoxe cando deixa de ter validez a tarxeta verde que é subistituida pola coñecida como pass Vigo. Veciños do noso concellos, maioritariamente da parroquia de Chapela, veranse afectados pola medida e terán que pagar dende hoxe 46 céntimos máis polo seu billete de Vitrasa, que pasa dos 0,89 céntimos a 1,35.
As chamadas á negociación por parte dos diferentes colectivos implicados neste asunto, como a Asociación de Veciños ou a Plataforma Pass Area que na pasada semana se reunía coa Consellería de Infraestruturas, Ethel Vázquez non serviron para evitar a eliminación dunha tarxeta. Unha retirada anunciada reiteradamente por parte do concello vigués, cuxo alcalde, Abel Caballero, insiste na idea de pagar exclusivamente as bonificacións aos empadroados no concello.
Unha decisión que o goberno local de Redondela decidiu levar ao xulgado por entender, en base aos informes xurídicos que manexan, que se trata dunha medida discriminatoria que non pode ser aplicada.
En todo caso, os afectados a día de hoxe son eses usuarios que xa non se poden beneficiar dos descontos nos seus billetes e que previsiblemente poderían adoptar medidas de presión nos vindeiros días.