O areal da Punta en Cesantes mantén por quinto ano consecutivos este distintivo que valora a calidade da auga, a seguridade, os servizos e a accesibilidade. Un recoñecemento que conseguía en 2014, converténdose no primeiro areal redondelán con este galardón. Galicia recibe un total de 109 bandeiras, catro menos que no ano pasado, para os areais de 34 concellos e mantense no segundo lugar como comunidade con máis bandeiras azuis nos seus areais, só por detrás de Valencia.
A bandeira azul volverá ondear na praia de A Punta en Cesantes, por quinto ano consecutivo, logo de que en 2014 a proposta recibise o visto e prace da Asociación de Educación Ambiental, encargada en España de outorgar este recoñecemento no que se valora a calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
A nosa comunidade mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 109; que se eleva a 124 distincións para praias e portos deportivos; polo que a sitúa na segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 146 distincións.
Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 13 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2017; e a recuperación da bandeira azul para a praia de Santa Marta en Baiona; e de Areas e Caneliñas, en Sanxenxo.
Na provincia da Coruña, os municipios de Arteixo e Boiro son os que máis recoñecementos deste tipo obteñen este ano, con sete; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos. As praias de Mañóns (Boiro), Razo (Carballo) e Oza (A Coruña) volven a sumarse aos listado de areais galardoados coa bandeira azul.
Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello máis recoñecido, con cinco galardóns para as praias de Areoura, Peizás, Llás, As Polas e A Rapadoira; mentres que perde o distintivo para a praia da Pampillosa; e a praia do Portelo, en Burela, tamén lucirá este distintivo xunto coas praias da Marosa e Ril.