A proposta do goberno local, na que se inclúen outras actuacións como a pista de skate e baloncesto na zona da Marisma ou a rehabilitación da escola antiga de Cedeira e a casa cultural do Viso con cargo ao remanente de 1,6 millóns do concello, saíu adiante co apoio dos concelleiros de AER. O resto dos grupos (PSOE, BNG e concelleiro non adscrito) optaron pola abstención alegando que se trata de obras electoralistas e criticaron que non se incluíra neste remanente actuacións como o traslado de Servizos Sociais aos baixos de Regojo ou obras de saneamento naquelas parroquias onde este servizo está incompleto.
A rehabilitación da escola de Trasmaño, da escola antiga de Cedeira, da casa cultural do Viso e a creación dun espazo cultural en Quintela acaparan un terzo do remanente, xa que se investirán nestas catro obras un total de 528.000 euros. A outra partida máis salientable é a que se destina a infraestruturas deportivas como a primeira fase de reforma do campo de fútbol do Viso e o acondicionamento dunha pista de skate e baloncesto na zona de Santa Mariña, obras que suporán un desembolso de 510.000 euros. Tamén se destina unha partida de 368.000 euros na creación de diferentes parques infantís que se instalarán na zona dos Eidos, en Ventosela, no parque recreativo en San Estevo e un parque urbano na Marisma. Outras inversións menores contemplan 170.000 euros que se investirán en mellorar a eficiencia enerxética en diferentes puntos do concello e unha partida de 20.000 euros para o acondicionamento da ruta das pedras en Ventosela. Actuacións todas elas que a popular Carmen Amoedo defendeu porque “veñen resolver as demandas veciñais”. Dende o BNG criticaron a proposta por non entender que non se inclúa nestes investimentos actuación que entenden máis prioritarias como o traslado de Servizos Sociais aos baixos de Regojo ou a que complete o saneamento naquelas parroquias nas que aínda está pendente. Dende o PSOE negaron tamén o seu apoio a estas actuación porque en palabras de Leonardo Cabaleiro “este remanente demostra que o PP non xestiona ben o orzamento, son cartos que se deixaron de gastar en anos anteriores” e lembraron que no debate do remanente anterior “facilitamos que aprobaran as súas propostas e non se fixeron as obras previstas”. Os votos a favor de AER facilitaron que a proposta saíra adiante, apoio que defenderon por “tratarse de obras que entendemos necesarias ” e valorando moi positivamente que nesta ocasión si se tivera realizado unha negociación previa que permitiu as achegas da oposición.