Todos os grupos da oposición reprocharon aos populares a tardanza coa que chega este orzamento para o 2018 e criticaron que se trate de “papel mollado” como demostran orzamentos anteriores “con partidas que quedan sen gastar mentres outras precisan do dobre do previsto inicialmente”. Malia as críticas, os catro concelleiros de AER permitiron a Bas sacar adiante os orzamentos. Argumentaron a súa abstención pola existencia dun acordo co grupo de goberno que establece a conxelación dos orzamentos participativos a partir de xaneiro, unha revisión da documentación de Aqualia e unha reunión para analizar o regulamento das terrazas.
O pacto PP-AER permitiu ao grupo de goberno sacar adiante os orzamentos de 2018, ao contar tan só coa oposición dos 8 concelleiros que suman PSOE, BNG e edil non adscrito. Revelaron os edís da Agrupación de Electores que asinaron un compromiso cos populares para esta votación que establece, entre outras cuestión “que a partir de xaneiro non se investirán aqueles cartos pendentes dos orzamentos participativos”. Outro dos puntos do acordo consistirá en revisar a documentación de Aqualia e reunirse na vindeira semana para retomar o regulamento das terrazas dos locais de ocio. Un acordo que para Javier Bas “demostra que cando hai vontade para sumar en clave Redondela pódese falar de todo”. Remataba así un longo debate no que a voceira do PP, Carmen Amoedo, defendeu o orzamento de máis de 19 millóns de euros presentado polo seu grupo “polos importantes investimentos que recolle, por valor de 2,3 millóns de euros, por servir para desenvolver o Redondela 2020, un proxecto aprobado por todos os grupos, e por recoller importantes partidas para servizos sociais e emprego”. “Unhas contas reais con previsións reais” que buscan “seguir avanzando na mellora de Redondela”. Uns orzamentos que para o PSOE “chegan tarde, ademais de seren inconcretos e difusos”. Aseguraba Mauro Alvarez que “hai partidas abstractas que buscan que se poidan mover en base as necesidades de cada momento, o que demostra que non saben nin onde van”. Uns números que son “un calco do orzamento do 2016”. Críticas que tamén deixaba o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González quen acusaba ao PP de carecer dun proxecto para Redondela “non hai proxecto, non hai criterio, existe unha falta total de estratexia e o único que fan é recoller actuacións concretas que só buscan o impacto mediático”. O edil non adscrito Enrique Fojo reclamou un maior esforzo cos orzamentos participativos malia recoñecer que “este orzamento é un pouco mellor que o anterior”.