A Asociación de Pais e Nais do centro educativo rexeita a proposta da Consellería que, malia aceptar manter o desdobramento en 6º de primaria, elimina un profesor no colexio. Unha situación que segundo denuncian “non garante a atención dos rapaces de sexto e obriga a moitos profesionais a impartir materias das que non son especialistas”. Por este motivo acordaron manter as mobilizacións enviando aos nenos novamente de loito ao centro e convocando unha concentración hoxe luns ás 19:00 horas ás portas do Concello.
A Xunta acepta manter as dúas liñas en sexto de primaria, é dicir, os nenos e nenas dese curso, cun elevado número de rapaces con necesidades especiais, continuarán en clases separadas. Sen embargo, a Concellería négase a repoñer o profesor que eliminaron no centro. Recoñecen os pais que si lles conceden un profesor a media xornada pero insisten en que esa non é solución. Para poder atender a un dos sextos o centro viuse obrigado a reestruturar as materias que imparten cada un dos mestres. Poñen como exemplo que o titular de Educación Física non poida impartir clases de psicomotricidade nas aulas de infantil “tal e como se facía nos últimos anos, ao ter que asumir algunhas das clases de sexto”. Pero aseguran que a situación afecta negativamente a todo o alumnado.
Por este motivo convocan diferentes accións reivindicativas como a concentración desta tarde ás 19:00 horas ás portas do Concello e fan un chamamento para que a xente acuda vestida de loito “en protesta polos recortes en educación”.
Esta problemática chegará mañá ao parlamento da man dos grupos da oposición e será abordada tamén no pleno do vindeiro xoves en Redondela.