A maioría dos grupos da oposición fixo posible aprobar unha moción presentada polo grupo nacionalista co gallo do Día da Non Violencia contras as Mulleres, malia a abstención do grupo popular. O acordo recolle que o goberno municipal asista a todas as mobilizacións en contra da violencia de xénero que se celebren en Redondela, recoñece a todas vítimas de feminicidio, e demanda maior inversión da Xunta na protección das vítimas, entre outras cuestións.
O edil do BNG Xoán Carlos González presentou a moción na sesión plenaria do mes de outubro, que contou cos votos a favor do PSdG, AER e o edil non adscrito. Entre os acordos recóllese que o goberno municipal asista “a todas as mobilizacións en contra da violencia de xénero que se celebran en Redondela ao longo do ano”. Prantexou o recoñecemento como vítimas de feminicidio todas aquelas que o son “por cuestión de xénero”, e que se faga mención expresa ao inicio de cada Pleno. Outros acordos demandan maior inversión da Xunta de Galicia na protección das vítimas, ademais de dar pasos en firme nas distintas regulamentos e acordos a prol da protección das mulleres. O PP solictou que moción puidese votarse “por puntos”, ao manifestarse de acordo con algúns deles e en desacordo con outros. Rexeitada esta posibilidade por parte de González, o PP decidiu absterse.Durante o debate González afirmou que Redondela, que durante anos estivo “á vangarda” na loita contra a violencia machista, está agora “na retagarda”. Denunciou tamén que o Centro de Información ás Mulleres “leva máis de tres meses sen psicóloga”. Explicou que malia que se creou unha bolsa de emprego, demoraron o proceso de contratación meses, cando dende o inicio da baixa da psicóloga “o Concello sabía que non podería incorporarse en bastantes meses”. O edil non adscrito, que apoiou a moción, advertiu tamén da necesidade de poñer en marcha “un plan integral contra a violencia de xénero” cunha proposta nos orzamentos xerais do Estado. Pola súa banda, desde a Agrupación de Electores cuestionaron a actitude da concellería de Igualdade, á que pediron que non boicotee actos de colectivos feministas de Redondela facendo “contraprogramación”. Tamén o grupo socialista tivo duras críticas para a concellería que dirixe Teresa París. A edil Anabel Rey afirmou que o departamente non ten establecidas as súas prioridades nin un plan de actuación contra a violencia machista, e demandou a París a creación dun Plan de Igualdade. Pediu tamén a implicación do Concello para mellorar a situación do xulgado de violencia de xénero en Redondela. Pola súa banda, París defendeu as actividades que realiza o seu departamento, en colaboración con asociacións e colectivos do municipio, e as concentracións mensuais que realizan contra a violencia machista.