O Concello de Soutomaior pon a disposición de todos os veciños que o desexen unha parcela na súa Escola Municipal de Horta Urbana Ecolóxica. Os participantes recibirán toda formación necesaria para cultivar as súas propias hortalizas ecolóxicas, ao tempo que toman conciencia da importancia de coidar o medio ambiente.
Ata o próximo luns, 31 de decembro, poden solicitar unha das parcelas que quedaron libres na Escola Municipal de Horta Urbana Ecolóxica. Poden inscribirse todos aqueles veciños que o desexen, cunha idade mínima de 18 anos, se ben logo os participantes poden acudir á horta acompañados de nenos. A edil de Educación, Fátima Vidal, amósase moi satisfeita con esta iniciativa, xa que cada vez son máis os adultos que participan nesta actividade acompañados dos seus fillos, e os nenos axudan “a coidar a horta, sementar e recoller os froitos”. Unha experiencia “enriquecedora” para toda a familia, xa que ao tempo que colleitan as súas propias hortalizas ecolóxicas, aprenden moito sobre a natureza e se conciencia “da importancia de coidar o medio ambiente”. As inscricións poden facerse na páxina web do Concello de Soutomaior ou na OMIX. A actividade, cun ano de duración, é de balde. Tan só é necesario que os participantes paguen unha fianza de 10 euros, que se devolverá cando remate o compromiso de continuar coa súa parcela.