O tradicional desfile de rondallas e ranchos de Reis puxo punto e final na xornada de onte ás celebracións do Nadal. Unha cita moi animada na que os milleiros de persoas que se achegan á feira do día 6 contan coa animación musical, nesta ocasión a cargo das rondallas de Nigrán, Santa Eulalia de Mos, Beade, Valladares, Cortellas, Airiños da Peneda e Guizán.
A tradicional feira de Reis despedía o Nadal en Redondela e, como todos os anos, a ritmo de rondalla. As sete agrupacións participantes foron as encargadas de poñerlle música a unha mañá solleira pero fría na que as rúas estiveron ateigadas de xente que se achegaban aos centro da vila a facer tamén as súas compras de última hora.
Fría tamén foi a cabalgata que percorreu a vila na tarde do sábado. As carrozas e o chocochú acompañaron as súas Maxestades polo casco urbano repartindo entre grandes e pequenos 2400 kilos de caramelos. Unha xélida tarde que non impediu que os nenos e as súas familias se achegaran a vila para gozar da tradicional comitiva.