60 alumnos de secundaria, que participaron nunha iniciativa municipal de conciención ambiental, retiraron da praia do Puntal en Arcade, máis de 50 sacos de residuos procedentes da actividade humana, principalmente plásticos. A actividade levouse a cabo en tres escenarios diferentes: as aulas, a praia e o patio do instituto, onde os alumnos realizaron as súas propias pezas de “trash art”, arte realizada a partir de refugallos e residuos.
A xornada comezou cunha pequena charla informativa sobre o uso abusivo dos plásticos na nosa vida diaria. Ademais, os alumnos visualizaron varios vídeos e documentais sobre este problema e como debemos actuar para frealo.
Ao termo da sesión nas aulas, os alumnos dirixíronse á praia do Puntal, en Arcade. En total, os mozos recolleron máis de 50 sacos de residuos procedentes da actividade humana. Os alumnos estiveron acompañados por varios profesores e técnicos que foron explicando aos mozos moitos detalles de como eses refugallos chegaron aí, cal era a súa finalidade inicial ou que perigos representa para a flora e fauna local.
Tras a recollida, os alumnos regresaron ao centro escolar para completar a actividade cunha proposta orixinal, realizar as súas propias obras de arte dentro da corrente “trash art”. Un movemento que pretende dar unha nova vida aos residuos da actividade humana converténdoos en pezas artísticas cunha historia e un significado claro, só hai un planeta e debemos coidalo.