O reformado aparcadoiro na parte baixa da Alameda de Chapela abrirase ao público esta semana, logo dos traballos de ordenación, asfaltado e pintado. Conta con capacidade para 60 vehículos. Veciños e comerciantes amósanse satisfeitos co resultado, pero advirten que a avenida de Vigo precisa máis prazas de aparcamento logo da humanización.
A situación é especialmente complicada no barrio de Laredo, no tramo da avenida de Vigo onde se ubica o estanco, a farmacia e outros negocios como panaderías ou perruquerías. Rosa, veciña desta zona, critica que o proxecto da obra de humanización non contemplase “un aparcadoiro alternativo nesta parte do centro urbano”, onde existen uns terreos a carón da vía do tren que podería habilitarse como estacionamento. Os residentes lamentan que non se buscaran solucións ao aparcamento “antes de eliminar as prazas coa humanización” e algúns propoñen rematar a reordenación na antiga estación de tren. Sinalan que neses terreos “podería crearse unha alameda e unha ampla zona de estacionamento”. A falta de aparcadoiro provoca moitos problemas de circulación na avenida de Vigo nas horas de máis tráfico, con coches e dobre fila e atascos que se agravan coa presenza de autobuses ou camións. Un caos de tráfico do que moitos culpan á falta de policía local na parroquia. Ángel explica que os problema non é tanto a falta de aparcamento “senón a falta de civismo dalgúns condutores”. Afirma que se houbese presencia de axentes patrullando por Chapela “evitaríanse estes problemas”. Pero non todo son queixas. Tamén hai veciños que se amosan moi satisfeitos co resultado da humanización desta arteria de Chapela. Segundo Ángel na zona “hai máis prazas de aparcamento ca nunca”. Tamén Enrique valora de xeito moi positivo a reforma da avenida, que agora é “máis segura e cómoda para os peóns”. Advirte que as queixas dalgúns veciños e comerciantes son froito “da falta de concienciación”, e critica que moitos empreguen o coche para desprazamentos de tan só uns poucos centos de metros “que poderían facer a pé”.