A prostitución e a trata de mulleres move preto de dez millóns de euros diarios en España, país que é o primeiro consumidor en Europa e o terceiro no mundo. A activista advirte que o perfil de usuario dos prostíbulos cada vez é máis novo e as prácticas que se esixen máis violentas e denigrantes. Tiganus insta á sociedade a que “reclame que isto cambie”.
Ao seu paso por Redondela, a activista Amelia Tiganus, denunciaba a situación que viven milleiros de mulleres no mundo por mor da trata e da prostitución. Un negocio “con moito poder económico” que lonxe de erradicarse, en España o beneficio que xera é contabilizado dentro do Produto Interior Bruto. Convidada pola Asemblea Feminista Paxaretas, Tiganus contou a súa experiencia en primeira persoa no Multiúsos da Xunqueira. Foi vítima da trata de mulleres e sufriu a prostitución. Fai fincapé en que a alegalidade que existe en España en canto á prostitución permitiu que esta práctica proliferase e considera imprescindible unha lei contra a trata de mulleres, inexistente na actualidade, para loitar contra ela e garantir os dereitos das vítimas, así como a necesidade de formación, terapia e apoio para as mulleres que conseguen saír. Tiganus traballa dende hai anos en “Feminicidio.net” concienciando e loitando contra a prostitución e a trata. Recoñece que só a través da educación se pode mudar a situación e porén dende esta plataforma apostan por introducir unha materia no currículo escolar sobre educación afectiva e sexual.