O nome do que fora xogador, adestrador e presidente do BM Chapela quedará sempre para a memoria no pavillón municipal da parroquia, que desde esta fin de semana leva o nome de “Manuel González Soto”.
Durante o emotivo acto, no que estiveron presentes os familiares de Soto e os xogadores de todas as categorías do club, ademais dos representantes municipais, proxectouse un vídeo coa súa traxectoria no club a través de testemuños de persoas vinculadas a este deporte e de amigos e compañeiros no club. O alcalde, Javier Ba, destacou o significado de González Soto para todos os redondeláns por todo o que fixo polo balonmán con toda unha vida dedicada a este deporte, unha traxectoria que foi recoñecida coa medalla de ouro da Consellería de Deportes e da Real Federación Española de Balonmán. Tamén o concelleiro de Deportes, Julio Mougán, tivo palabras de eloxio ao eterno presidente do Balonmán Chapela, do que dixo que “sempre se entregou polo club e foi unha persoa cunha calidade humana excepcional”. A xornada completouse cos encontros de División de Honra Prata Feminina e Primeira Nacional Masculina, con derrota dos dous equipos locais.
Honra Prata Feminina
Cíes Chapela 25-29 Tenerife
O pechacancelas da División de Honra Prata Feminina perdeu ante ao Tenerife nun partido moi disputado. Na próxima xornada rematarán a liga cunha viaxe a Canarias para medirse ao Lanzarote.
SAR Rodavigo 24-27 Oviedo
O equipo que adestra Elisardo Covelo “Chini”non puido coas asturianas. O equipo, 7º do grupo, xoga o próximo sábado en vigo ante o Carballal, que é 5º, o último partido da liga.
Primeira Nacional Masculina
Chapela 12–19 Calvo xiria
Os de Fran Teixeira non puideron co Calvo Xiria. Son 5º, e na próxima xornada visitan a pista do Luceros en Cangas
Primeira Autonómica
SAR 24-17 Porriño
Vitoria dos de Diego Lorenzo, que manteñen o 3º posto da táboa. Na próxima xornada xogan na pista do Carballal.