Uunha contundente vitoria ante o Xixón, deixa ao equipo de Elisardo Covelo “Chini” na 11ª praza da liga. O resultado supón tamén “unha inxección de moral para as xogadoras”. O técnico confía en que, unha vez acomodadas as novas pezas do grupo, os resultados melloren e se acade o obxectivo da permanencia “sen problemas”.
A competición na División de Honra Prata Feminina sempre é complicada e de moito nivel, pero se cabe este ano aínda máis. A incorporación ao grupo de catro equipos canarios de gran calidade, ademais de combinados como Rodríguez Cleba ou Oviedo, fan que a liga sexa “máis esixente aínda”, como apunta Elisardo Covelo “Chini”. O comezo non foi doado para o equipo redondelán, que tivo que facer fronte a importantes cambios esta temporada, coa baixa de xogadoras importantes como Uxía, Iria ou Sandra, que se supliron con novas incorporacións. O obxectivo é poder ir escalando posicións e situarse na metade da táboa para acadar a permanencia “sen problemas”. A vitoria desta pasada fin de semana, cun triunfo contundente ante o Xixón (28-19) serviu non só para sumar dous puntos moi importantes, senón tamén “para recuperar a ilusión das xogadoras”, que viran como nas primeiras xornadas competiron a bo nivel “pero sen que acompañasen os resultados”. Valladolid-SAR Rodavigo Na próxima xornada teñen unha saída complicada, o domingo visitan a pista do Valladolid, 6º do grupo. Un encontro para o que “Chini” confía en ter a todas as xogadoras dispoñibles e “traer os dous puntos”. A SAR Rodavigo é agora 11ª do grupo, cunha xornada menos disputada polo aprazamento do encontro ante o BM Tejina Tenerife, que se disputará o 23 de novembro.