Tras o éxito da iniciativa de Ibai Llanos cos xogadores de Primeira División, os deportistas da Terceira División Galega de fútbol sala animáronse a disputar o seu propio campionato para seguir en contacto e competir, de xeito virtual, mentres dura o confinamento. Ata o de agora inscribíronse 10 dos 16 equipos da liga.
A iniciativa xorde desde a SD Pazos, en concreto de Mon Miguelez, o secretario do club, e está á espera de recibir o apoio da Federación Galega de Fútbol para realizar os sorteos e organizar os cadros clasificatorios. O anuncio do torneo publicitouse a través das redes sociais da SD Pazos e está a ter gran acollida entre os equipos que forman a terceira división. Mostra diso é que tan só cinco horas despois do anuncio, xa confirmaron a súa participación e quen será o seu representante 10 dos 16 clubs da categoría. “A única máxima é pasalo ben e concienciar, por se aínda queda algunha dúbida, de que o importante durante o estado de alarma é quedar na casa”, apunta Miguelez, que xa anunciou que o representante do seu equipo, escollido polos propios xogadores, será Borja González. Hoxe pecharase a inscrición, e os partidos xogaranse mañá sábado. As eliminatorias serán a partido único, polo que non haberá opción de desquite nin partidos fóra da casa con valor dobre. Os encontros terán unha duración de oito minutos por cada parte e, en caso de empate, disputarase un partido máis breve de desempate, de cinco minutos por parte.