O pleno da corporación celebrado na pasada tarde noite, serviu unha vez máis para o cruzamento de acusacións entre o principal partido da oposición e o goberno local. A sesión foi empregada pola voceira popular Carmen Amoedo para recriminar ao goberno “a falta de medidas efectivas” para axudar aos veciños na crise sanitaria e económica derivada da COVID-19″. Desde o goberno bipartito acusaron a Amoedo de empregar “argumentos falsos” para desgastar ao executivo local e querer “impoñer” as súas ideas.
O pleno da corporación comezaba onte xoves, pouco despois das 20.00 horas, de xeito telemático e cun minuto de silencio polas vítimas da pandemia do coronavirus. A alcaldesa, Digna Rivas, aclaraba para o público que seguía o pleno a través das redes sociais que o goberno local “si está a facer cousas e tomando medidas para paliar os efectos negativos da crise do coronavirus”, malia que non se leven a debate no pleno “porque non é necesario” ao tratarse de competencias directas da Alcaldía. A voceira do PP, Carmen Amoedo, lamentou que malia poñerse o seu grupo a dispocisión do Concello “desde o primeiro día do Estado de Alarma”, o goberno local “non os tivera en conta e non lles permitan participar”. Advertiu que as medidas adoptadas polo goberno local “non están a chegar á xente”. A voceira socialista, María Castro, advertiulle a Amoedo que xa se están tomando todas as medidas para paliar os efectos da crise sanitaria, económica e social da COVID-19, e que non non se levan ao pleno “porque non é necesario”, ao tempo que acusou ao grupo popular de querer desgastar ao goberno “con discursos enganosos”. O PP levou ao pleno unha moción para que o Concello poña en marcha medidas para os colectivos máis desfavorecidos e un plan de axudas directas para as familias máis vulerables. Desde a Agrupación de Electores acusaron ao PP non de propoñer, senón de “querer impoñer”. Susana Couñago cuestionou que a moción non fai “propostas concretas” e rexeita que o goberno local chegue tarde. Advirte a edil de AER que esta crise é “unha carreira de fondo que vai a ter unha longa duración”, e sinalou que o Concello “xa ten un plan de axudas directas para as familias máis vulnerables, que seguen activas”, ao tempo que lamentou a falta de medidas por parte da Xunta de Galicia que “nin está nin se espera”. A concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, insistiu tamén en que o PP “chega tarde” xa que a Alcaldía xa aprobou axudas para familias afectadas pola crise do Covid. A edil socialista asegurou que o goberno local está a traballar “ao 100 por 100”, e agradeceu tamén o labor de Cáritas, as traballadoras sociais do Concello e os voluntarios de Potección Civil. Explicou que o persoal técnico está a atender as necesidades telefonicamente, e en caso de necesidade con visitas aos domicilios “extremando as medidas de seguridade”. Malia as críticas ao PP por unha moción que cualificaron de “oportunista”, todos os grupos municipais apoiaron a proposta, agás o BNG. A edil nacionalista Yésica García acusou ao PP de presentar unha moción para “ter notoriedade”, cando se trataba dunha proposta que podía “presentar por rexistro”. Ao ser un pleno retransmitido polas redes sociais quere ter “o seu minuto de gloria”, sinalou García. A moción anunciada por AER para solicitar dos grupos municipais a cesión de 90.000 euros da súa asignación para axudar aos afectados pola crise do coronavirus, retirouse da orde do día, por non haber tempo suficiente para o seu debate.